Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

SAVI: forxando liberdades

Santalla, Iago - miércoles, 03 de octubre de 2018
En Xaneiro deste ano COGAMI, en colaboración co Centro de promoción de autonomía persoal (CPAP) de Bergondo, puxo en marcha unha iniciativa piloto consistente en darlles a oportunidade a persoas con diversidade funcional ou en situación de dependencia de vivir unha experiencia de vida autónoma. Con este obxectivo empezou a funcionar na Coruña un piso lanzadeira onde as persoas usuarias pasan de 15 días a un mes, aprendendo ferramentas e actitudes persoais que as leven a autoxestionarse por si mesmas.

É un programa moi completo que abarca dende as tarefas do fogar á busca activa de emprego, pasando polo ocio que as veces fica eclipsado por necesidades máis urxentes. No piso, durante a estancia dos usuarios no proxecto, procúrase o xurdimento de situacións ás que calquera persoa se ten que enfrontar na vida diaria.

Deste xeito impúlsase á persoa a visualizar todo o que realmente pode facer, empoderándose ata decidir sobre a súa propia vida. Ata tomar as rendas e domar o cabalo do medo para ser libre.

O SAVI proporciona un espazo de reflexión que moitas veces a voráxine da propia vida nos nega, obrigándonos a asumir limitacións falsas que teñen un camiño de superación do que a miúdo soamente nos separa a barreira mental. Cando nos atrevemos a superar esa barreira ábrese un abano de posibilidades de ser en liberdade. Posibilidades sobre as que podemos e debemos decidir por nós mesmos.

O labor do SAVI precisa ir acompañada de concienciación social, por iso hai que poñer en valor todo o traballo que están a facer as persoas usuarias para incorporarse á sociedade en plenitude, respondéndolles na medida do seu esforzo: é necesario crer nas persoas e procurarlles oportunidades de futuro, é necesario facer cidades accesibles con vivendas adaptadas e cun ocio ao alcance de todos.

Visibilizar unha realidade diversa e fomentala ábrenos os ollos á diferenza, unha diferenza chea de riqueza e con capacidade para instituír unha sociedade na que se volva cotiá ver a persoas diversas convivindo en igualdade de condicións.

Cando a diversidade non nos sorprenda seremos unha sociedade inclusiva.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES