Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O recambio chinés na xeopolítica global

jueves, 04 de octubre de 2018
O recambio chins na xeopoltica global A hexemonía global reside aínda nos EUA como primeira potencia indiscutible tanto no plano militar como no económico ou cultural. Soamente a China pode aspirar a esa posición en virtude do seu crecemento e da mellora do seu poder militar sen pasar por alto o fortalecemento das súas capacidades tecnolóxicas.

Nun recente artigo publicado no Diario do Pobo, a ex vice ministra de Asuntos Exteriores da China, Fu Ying, evocaba as frustracións de Occidente ao constatar que a China actual resístese a ser modelada a imaxe dos EUA. Publicado o pasado 12 de setembro, en pleno anuncio da Casa Branca de novos aranceis por valor de ata 200.000 millóns de dólares a mercadorías chinesas, o texto de Fu Ying constitúe un apelo a permanecer firme e a defender as opcións estratéxicas do xigante oriental, incluído o seu sistema político e social, nun momento en que transcenden críticas internas ao liderado de Xi Jinping co pano de fondo dos temores aos efectos da guerra comercial sobre a estabilidade do país e o propio Partido Comunista.

Os países occidentais acusan a China de levar adiante un proxecto xeopolítico de alcance global. O que a China propón ao mundo non é só un novo modelo de globalización que transcenda o comercio para se centrar na inclusividade ou nas infraestruturas, senón un novo modelo político que asenta no rexeitamento da doutrina dos “valores universais”. A estes oporía a súa propia experiencia, baseada na libre elección do modelo de desenvolvemento e no maxisterio dun Partido Comunista que nos últimos corenta anos demostrou ser o único capaz de gobernar a China de forma estable co seu “sistema de partidos de novo tipo”.

Dúas frontes

Mentres a guerra comercial ameaza con nubrar as expectativas das relacións estadounidenses, Beijing tenta evitar a consolidación dunha fronte opositora entres os países desenvolvidos, facendo chiscádelas a aqueles que recean das políticas de Trump, incluída a UE.

Por outra banda, o ton con outras rexións do mundo, especialmente África ou América Latina e tamén o Sueste asiático, sinala un trepidante avance da súa influencia. O recente cumio China-África, celebrado na capital chinesa a primeiros de setembro, evidenciou esa visión sinocéntrica dunha xeopolítica de alcance global que avanza outro modelo de relacións e de gobernanza. As acusacións relacionadas co endebedamento destes países ao lles conceder enormes préstamos para infraestruturas son cualificadas de fantasía mentres os recursos para a cualificación de man de obra, a agricultura ou a industrialización, cunha presenza crecente de firmas chinesas, amosan matices que amortecen as críticas. Ao ritmo actual, nos próximos cinco anos, o valor das exportacións chinesas a África podería exceder o valor das vendas para os EUA.

O eixe ruso-chinés, fortalecido a cada paso como se evidenciou no tamén recente foro económico oriental celebrado en Vladivostok con novos acordos en materia de enerxía ou defensa é un piar esencial da estratexia chinesa como tamén a consolidación dos novos foros e instrumentos políticos e económicos multilaterais que a China promove.

Expectativas

A posibilidade de que a guerra comercial dure e ata se agrave non pode ser excluída. Tamén que as outras tensións (península coreana, mares da China, Taiwán) que escenifican o pulso entre a primeira e a segunda economía do mundo ofrezan picos preocupantes.

Pero esa pugna entre China e EUA que expresa unha rivalidade estratéxica de fondo descansa, principalmente, sobre bases económicas e tecnolóxicas. China é percibida como unha ameaza directa á hexemonía americana ao se negar a aceptar formar parte das súas redes de dependencia. No programa “Made in China 2025” que ambiciona transformar o país nunha potencia tecnolóxica, con capacidades en sectores como intelixencia artificial, enerxías renovables, robótica ou vehículos eléctricos, reside unha das principais chaves. Por mais que os países occidentais demanden o fin dos subsidios estatais a estes sectores estratéxicos, non parece que a China estea disposta a escoitar.

Mentres a influencia de Beijing reviste caracteres múltiples e avanza pese aos contratempos, o pensamento pragmático estadounidense que Henry Kissinger elucubrara nos anos setenta do pasado século semella enterrado definitivamente. A aguia non quer a compañía do dragón.

É moi probable que a China se converta nun novo centro de poder de influencia universal pero mais que reemprazar a EUA no cetro do poder mundial precísanse apostas pola multipolaridade e o multilateralismo que democraticen as relacións internacionais. ¿Comprometerase China a iso?
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES