Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Antón Losada Diéguez, indutor esforzado do nacionalismo

martes, 02 de octubre de 2018
Estamos hoxe máis ou menos a un século desa época do devir histórico de Galicia, a finais da segunda década do século XX, na que a reflexión teórica e a práctica política en relación co ser ou non ser desta terra como entidade de seu chegou a acadar un certo grao de madureza. Paréceme que cumpriría xa que logo –a xeito de modesta lembranza centenaria- dedicar un par de liñas a lembrar determinadas ideas dun personaxe que semella ter sido clave no desenvolvemento e conformación de tal feito, sen que esta escolla veña prexulgar nada en relación coa relevancia doutras persoas que compartiron nesa mesma época con el idénticos ou semellantes ideais.

En realidade con non poucos deles estivo el en contacto ideolóxico e persoal, actuando en tal relación como incitador ou mobilizador da toma de conciencia da realidade e da problemática de Galicia como país diferente que é desde un punto de vista histórico, lingüístico e cultural. Así, por exemplo, na entrevista que en 1982 lle fixo Freixanes (Unha ducia de galegos, p. 23-24) a Otero Pedrayo comentaba este que “ata os trinta anos” andara “a pasear, a mirar, a non facer nada” ata que un bo dia lle dixo Losada: “Otero, xa tes trinta anos, xa está ben, xa vai sendo hora de tomar unha postura e pórse a traballar”. Indica aquí mesmo Otero verbo de Losada que o que neste sempre lle chamara a atención fora “a súa capacidade pra despertar vocacións” para o galeguismo, engadindo máis concretamente que fora Losada o primeiro a quen lle escoitara dicir que “Galicia era unha idea, algo que estaba agardando tamén a voz que a guiara polo seu camiño”. Neste sentido xa en 1952 deixara Otero escrito sobre Losada no seu Libro dos amigos comentarios coma estes: “Non teño coñecido personalidade de semellante forza suxestiva”. Seguramente a formación humanística e filosófica de Losada contribuíu de xeito importante a configurar este seu persoal talante.

En relación directa xa co seu pensamento galeguista ou nacionalista limítome a entresacar algunhas ideas ou reflexións súas significativas. Recólloas da súa Obra Completa (ed. Justo G. Beramendi), Vigo, Xerais, 1985.

Pois ben, Losada porá continuamente de relevo (de xeito especial desde o ano 1917) a diferenza social e cultural galega como firme alicerce da reivindicación política. A modo de principio estabelecerá Losada no seu artigo Regionalismo gallego, que publica en “La Región” en novembro de 1917 o seguinte: “Nuestra tierra tiene una personalidad clara y definida, los problemas gallegos debemos resolverlos los gallegos y en Galicia. Toda labor política y administrativa que mire a Madrid estorba” (p. 223). De non seren as cousas así, sería Castela a que tería acadado unha provincia máis: “¿Que no existe cuestión galega, ni problema regional gallego? Borrad entonces vuestro nombre: Castilla tiene una provincia más y Madrid un humilde criado y un vivero para su vida de oficinas y placeres” (p. 224). E facéndose eco –poderiamos dicir- da afamada tese XI de Marx sobre Feuerbach, rematará Losada o seu artigo deste xeito: “No es hora de filosofar, ni es momento de ironías. Es hora de ejecutar” (p. 224). No mes de decembro deste mesmo ano e no mesmo xornal, insistirá aínda na necesidade de rexeitar a uniformización política e cultural de Galicia con outras rexións españolas, o que equivalería á súa desaparición:

“Se trata de ser o dejar de ser. No hay político por ruinmente mañoso que sea y por omnipotente que sus mañas lo hagan, capaz de borrar la personalidad geográfica e histórica de Galicia. Con los caracteres que la naturaleza le ha dado, nuestra tierra no se confunde con ninguna otra [...] Rotos los lazos que a la tierra le ligan, borrada la marca fecunda que la naturaleza le ha impreso, el hombre marcha camino de la uniformidad, se viste un uniforme de cosmopolita; pero la jugosa savia emocional, que alienta en las relaciones con los otros hombres que la vida le dio por próximos hermanos está perdida y el pretencioso que reniega del regazo cálido de su tierra queriendo ser más hombre es menos humano. Galicia o ha de ser Galicia o será cuatro provincias más que vegeten bajo la bola del Ministerio de Gobernación” (p. 228-229).

Nun terceiro artigo que publicará xa no ano seguinte, só pouco despois (xaneiro de 1918) do anterior, vén facer Losada un incisivo resumo das ideas expostas por el con anterioridade no que se atopan ideas ou propostas como as seguintes:

“Aspiramos a trasladar el centro de la política administrativa que a nuestro país se refiere, a Galicia, y que esto sea obra de nosotros los gallegos, por encima de gobernadores y ministros de la Gobernación si es preciso [...] El poder está en nosotros. Si lo tenemos, si poseemos la fuerza necesaria para gobernarnos, para administrarnos bien, no necesitamos que nos lo otorguen y si no lo tenemos por eso, debemos trabajar por que en nosotros nazca la energía necesaria” (p. 232).

Como é doado ver, Losada vai madurando nesta época as súas ideas e a súa correspondente formulación sobre rexionalismo ou nacionalismo en relación con Galicia, aínda que o que para el en tales expresións importa non é tanto o nome en si (“nacionalismo” ou “rexionalismo”) coma o seu contido conceptual e concreto. Nesta liña se expresará el tamén en “La Región” nun artigo titulado “Regionalismo y nacionalismo”, publicado só un día despois (11 de xaneiro de 1918) do anteriormente aducido:

“Discusión de Ateneo, cuestión más bien de nombres es esta del nacionalismo, en el puro terreno de las ideas, porque ¿quién es capaz de señalar diferencias entre Nación y Región, sabiendo distinguir, como hoy todo el mundo sabe, la Nación del Estado? La Nación que indica comunidades de raza, suelo, idioma y tradiciones, puede ser algo subversivo dentro de la unidad del Estado, cuando es una realidad clara, evidente? Lo que deben confesar de una vez nuestros enemigos aquí en Galicia, es que pretenden hacer desaparecer los signos de raza, la lengua, las tradiciones que nos diferencian del resto de España, para castellanizarnos por completo [...] Los regionalistas de Galicia, frente a la afirmación de los que dicen que debemos copiar a Castilla en sus costumbres, en su lengua y mirarnos en sus tradiciones, decimos con Emerson el pensador americano: ‘Sé tú mismo. No imites, no busques en los otros, busca dentro de ti’.

Frente al nacionalismo castellano afirmamos el nacionalismo gallego con igual derecho [...] Las realidades se imponen y a través del tiempo y de todos los intentos de uniformación y de ahogo nos encontramos hoy como ayer en el Noroeste de la Península con condiciones de vida y características en sus habitantes distintas del resto. Claro está que el mejor modo de resolver estas cuestiones sería borrar lo que estorba, pero a esto no se aviene la Naturaleza, ni no nos avenimos los hombres” (p. 234).

A distinción entre “Nación” e “Estado”, á que aquí se refire Losada, está nel explicitamente relacionada coa existente entre “nacionalidade” e “nación” tal como a entendía Agostino Gemelli no seu artigo Intorno al principio di nazionalità, publicado na “Rivista di Filosofía Neo-Scolastica”, vol. 9º (1917), ó indicar na nota 1 da páxina 64 o mencionado autor –como ben traduce Losada en xullo de 1918 do italiano ó galego- o seguinte: “unha nacionalidá é unha nación en xermen, in potentia, que por impedimentos esteriores ou interiores non chegou a sere unha nación in actu” (p. 244). Para Losada Galicia está precisamente nesta situación “xerminal” de nación –situación, pois, de “nacionalidade”- que os galegos teñen a tarefa e a obriga de converter en “nación” real (in actu, “en acto”, segundo a terminoloxía tradicional filosófica). En tal sentido (só un par de parágrafos despois do texto agora mesmo citado) indicará Losada:

“Pra Galicia o probrema [nacionalista] oxe é de vida ou morte, de sere ou non sere. As nosas aptitudes y-as nosas enerxías durmen. Estamos asistindo a unha compreta espropiación de Galicia, das nosas características, da nosa vida gallega, e dende o momento en que haxa gallegos que se den conta d’este feito e que non queren consintir esta espropiación, que non queren deixarse levar o seu, que non queren deixar que un esprito alleo se impoña ô esprito que Dios lle dou â nosa terra, o problema preséntase vivo e rexo” (p. 245).

Galicia é, pois, unha “nacionalidade” en marcha cara ó seu ser “nación”, tal como comenta Losada noutro escrito seu, Regionalismo Gallego. Galicia es una nacionalidad (probabelmente desta mesma época), ó dicir el alí que “afirmando que en Galicia se dan vínculos nacionales, decimos que Galicia es una nacionalidad” (p. 259). Proclamar e defender isto significa ser “nacionalista”, tal e como o entende el nesta época (ou quizais algo despois) no seu escrito A sinificación profunda do galeguismo ó indicar: “O nacionalismo galego, diante dos problemas de Galiza procrama a persoalidade geográfica, histórica e espiritual da nosa Terra e sinifica pra ela autonomía en todol-os órdenes” (p. 270). Pois só así poderá Galicia enfrontarse con éxito ó que para Losada constitúe o seu problema “xeral”: “a desgaleguización de Galiza”. Un problema que abrangue en certo modo outros “dous problemas principás: un económico, liberdade da terra; outro político: liberdade do sufragio, da soberanía popular galega” (p. 270).

Losada semella camiñar cada vez máis decididamente nesta dirección, como é doadamente perceptíbel un par de anos despois na súa Lembranza de Porteiro (publicada en “A Nosa Terra” e tamén en “El Emigrado” en outubro e decembro respectivamente de 1921) ó se expresar nela deste xeito:

“O nome de Porteiro quer dicir Galiza para Galiza. Os galegos hémonos salvar a nós mesmos, y-os nacionalistas sin xuntanzas, sin misturas, sin achegos ós partidos hespañoles por moi radicás que se chamen ou por moi novos que se digan temos que facer d’a nosa bandeira outra vés unha bandeira de loita e de pasión” (p. 293).

En calquera caso, e desde unha consideración máis xeral, Losada formulará cara ó ano 1924 o seguinte ditame, que podería continuar a ter aínda validez un século despois, ou sexa, nos nosos axitados tempos políticos actuais : “La vida política española se detuvo hace siglos y mientras España tan varia, tan polimorfa, no tenga una constitución política que represente fielmente esa naturaleza suya y deje de ser unitaria y centralista, el problema político de España estará en pie”.

Pódese dicir obviamente que a relación de Losada coas Irmandades da Fala e a súa posterior e activa participación nelas contribuíron de xeito importante á asunción e intensificación do nacionalismo pola súa parte. Mais cómpre en calquera caso ter tamén presente as palabras que lle escribe un Losada mozo ó seu tío Manuel Diéguez Arias o 30 de abril de 1907 (tiña el daquela só vinte e dous anos) nas que a intuición básica da necesidade de re-galeguizar Galicia fronte á súa progresiva e decadente castelanización está xa nidiamente presente: “Galicia –indícalle Losada- como región está desapareciendo para convertirse en una pútrida falsificación de provincia castellana”. Texto e contexto desta carta poden lerse no “Estudio preliminar” de José Antonio Durán en páx. 71 da citada Obra Completa de Losada.

O ímpeto de Losada, porén, semella verse un tanto minorado cando no seu artigo Conversa, publicado en “A Nosa Terra” en xullo de 1926 (eran tempos da Ditadura), expresa el unha certa perplexidade, cautelosa e crítica, verbo da concreta actividade política a prol de Galicia:

“É perciso decatarse fondamente de que rematou unha época, y-estamos vivindo outra ben difrente [...] No rexurdimento galeguista de 1917-18, que chegou retrasado, puxemos moito d-as vellas ideas, e motivos que xa destonces estaban pra morrer. ¡Non mais tópicos de caciques! O sufraxio universal n-a man dos electores como n-a man dos caciques non era do noso reino. Non nos engañemos con exaltacións chauvinistas, d-un nacionalismo acedo, d-unha patrea con homes que non eisisten. Galiza vive apesar dos galegos.

Non ten dúbida. A esperencia diaria botao ôs nosos ollos. O problema de Galiza non é de libertade, nin d-autonomía. O problema de Galiza é de miseria espiritual colectiva. Pra vergonza nosa dentro de cada galego sigue vivindo un provincián [...] Todo sistema, aínda o nacionalista vale mais que por si mesmo, pol-o que il sinifica. Detrás del haivos de cote a realidade que lle dou nacencia, y-esa realidade non se para, tamén ela camiña [...] O galeguismo ten que crear o seu cerne social de pensamento, artístico e humán [...] Aínda estamos a tempo. Acción, acción en cada día, n-o mais miúdo; à veira de amigos e de enemigos, porque ô fin y-o cabo en cada galego, en cada un de nós mesmos latexa tamén un enemigo [...] Non é tempo de xuntanzas, a semente foi serodia e non se pode aínda facel-os feixes [...] Non preguntedes a cada un pol-o seu camiño [...] non lle preguntedes ¿qué fás? Si vades car-a mesma ermida, xunto o allar vos toparedes” (p. 334-335).

En calquera caso, para concluír xa esta breve lembranza, podería dicirse que Antón Losada Diéguez foi na súa época, con anterioridade á fundación (só dous anos despois do seu pasamento) do Partido Galeguista, ese singular personaxe que soubo xuntar nunha persoa, é dicir, en si mesmo, ó servizo de Galicia, dimensións que normalmente adoitan atoparse en maior ou menor grao dispersas en distintos individuos: enteireza de ánimo, capacidade de convición, fe nas grandes causas humanas, sensibilidade para o grande e para o pequeno, respecto ó diferente e aprecio do propio, asunción das tradicións e apertura ó futuro, nacionalismo e universalismo, razón e sentimentos, filosofía e política... E, así, escolleita semente de futuro.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES