Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Escala de grises

lunes, 01 de octubre de 2018
A pintura é poesía muda; a poesía pintura cega (Leonardo Da Vinci)

Alexandre é un rapaz novo que aspira a vivir de abrir xanelas nos anacos de lenzo, a facer falar o silenzo branco, a sementar de sentimentos un soporte inerte. E nuns tempos nos que todo o mundo é enxeñeiro, avogado ou electricista, non pasa desapercibida a persoa que se dedica á pintura coma algo máis que unha argallada para o lecer.

Dende neno, os mestres do colexio privado elexíano para facer as portadas da revista escolar e para debuxar os escenarios das obras de teatro, así que decidiu, anos máis tarde, e desafiando os preceptos paternos, estudar belas artes en Pontevedra. E aí comezou a súa carreira de pintor profesional. Polo de pronto, fixera un oco na vila natal e abrira unha galería permanente.

Os seus cadros están inzados de luz e de cores. Son cálidos aos ollos, moles, expresivos e iso tamén o sabía don Faustino. Un día achegouse ata o seu estudio. Non se molestou en mirar os lenzos que agromaban en todos os recantos do cuarto. Tampouco perdeu o tempo en presentacións nin en palabras estúpidas. Foi ao gran.
“Mi nieta me habló bien de ti. Te ofrezco quince mil euros si pintas un cuadro que me agrade de mi jardín. Píntalo en primavera, con un día soleado y con todas las plantas en flor. Me voy dentro de un mes para La Coruña, a pasar la Navidad, y quiero llevarlo. Si aceptas, te enseño el pazo ahora mismo.”

E como non ía aceptar semellante encarga. Era a primeira vez que se achegaban ata alí para contratar os seus servizos como profesional, sen esquecer a copiosa remuneración económica. Esa inxección de cartos permitiríalle manter o estudio unha boa tempada sen sobresaltos. Ademais, para el era todo un reto pintar algo que non vía. A luz e a vexetación en outono é completamente distinta, pero el tiña un sexto sentido que pouca xente posúe, soñar en cor. Deste xeito cando dormía traballaba inconscientemente no cromatismo do cadro.

Achegouse ata o pazo para facer unhas fotografías e tirar as liñas mestras da obra. O resto do traballo faríao ao seu ritmo no estudio. O edificio era toda unha xoia feita en pedra do país, froito do traballo de moitos mestres canteiros da zona. A súa grandeza enxergábase dende que superabas a última curva de entrada ao val, rematada xa a Cova da Serpe, coma unha pedra preciosa arrincada á terra. O mobiliario, de estilo colonial, amosaba as grandezas de outrora, mentres que a luz entraba silandeira polos ocos das contras semellando non querer escachar aquela paz monacal.

Por outra banda o xardín, rodeaba todo o pazo e chegaba ata a aba dun outeiro próximo. O estilo francés rezumaba na xeometría dos vieiros de grava e nas figuras feitas con azalea. O gurgullar da auga competía cos rechouchíos dos paxaros naquel magnífico estanque central que facía de espello ao veterano magnolio. Ao leste posuía unha pérgola con vistas a unha fraga da propiedade, chea de piñeiros e coníferas. Na primavera, aquel conxunto debía ser un auténtico paraíso.

Unha mañá espertou sobresaltado. Custoulle dar co interruptor da luz no medio dunha oscuridade atafegante. Sentou na cama; envolto en suor custoulle recoñecer a súa cara de pampo no espello do cuarto. Levantouse ata o baño para que a auga borrase o pesadelo. Non o podía crer, roubáranlle a cor dos soños.

Non lle daría importancia se nas noites seguintes unha escala de grises non invadise o seu mundo onírico. Tal e como era de esperar o cadro non avanzaba. Por moitas láminas de pintura que consultara éralle imposíbel de imaxinar aquel xardín en primavera, e o peor de todo, non era capaz de plasmalo no lenzo. Pasou o tempo e non tivo máis remedio que tragar o orgullo e chamar a don Faustino para dicirlle que non fora posíbel rematalo. El sentenciou dicindo, “ya me lo imaginaba” e colgou sen despedirse.

Alexandre comezou a recuperar paseniñamente a súa virtude e a súa vida profesional voltou á normalidade. Un día de maio de camiño a Regoela para visitar a unha vella amiga a curiosidade venceuno e decidiu achegarse ata o pazo para ver o que debería ser o resultado final da súa obra. Sorprendido por non atopar ningunha flor no que debería ser un exuberante xardín, preguntoulle a un velliño que quitaba as herbas da horta do lado.

Con ollos cansos e véndolle cara de forasteiro faloulle velándose ser escoitado por terceiros, “o dono do pazo foi o maior falanxista da zona. Detrás desas paredes ordenouse matar a moita xente da rodeada, unhas veces por motivos políticos, outras por simples vinganzas. Dende os tempos da guerra e desafiando á natureza ningún xardineiro de cantos houbo no pazo volveu a arrincarlle un sorriso a ese xardín”.


FICHA TÉCNICA
Idioma: galego.
Xénero: narrativo (micorrelato).
Público: adulto.
Ano creación: 2008.
Publicación: “Premios Terras de Chamoso. Libro recompilatorio dos traballos gañadores do certame literario Terras de Chamoso. I, II e II edición (2007-2009)”. Asociación Cultural Arumes do Corgo. I.S.B.N.: 978-84-694-1450-7. Páxinas: 218.
Outros: ---.
Outeiro, Mario
Outeiro, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES