Vale a pena ir ás terras do Ribeiro, a esas que o Avia e o Miño bañan e ver as gratas paisaxes e sentir os seus microclimas nos poros. Ver a diversidade da arquitectura e símbolos do románico e, sobre todo, observar a simple arquitectura labrega-viñateira, con ese perfume lustroso que nos anima a facer e respectar país, no herdo e na gracia dos nosos devanceiros. Mais que diremos desa Ribadavia plenipotenciaria en tantas precisións históricas, no desasosego dos nosos xudeus expulsados deste sacro eido, e de seus nefastos perseguidores, a ralea asasina de conxurados inquisidores. Ribadavia é iso, memoria viva para reconstruíla e endexamais deixar que se altere, mutile ou se perda. Adoro Ribadavia e as terras que a guarnecen. Paseo por ela, con demasiado silencio, pero talvez sexa o mellor para que esas pedras antigas continúen rezando unha salmodia sapiencial.
Gusto de pasear polo barrio xudeu, a carón da Porta Nova, a Praza da Madalena e observar a beleza do río Avia e seu cantar con sons sefardís. Entrar do bar A Papuxa, onde unha trapa nos leva a aos subsolos, aos escondites do gueto xudaico, mais adiante entramos na Tafona da Herminia, esta boa señora indúcenos a probar os seus doces, que particularizan a presencia dos perseguidos e expulsados xudeus que fixeron país e cultura galega. Estas andainas pola cidade do Avia resultan impagábeis, cando un leva
de guía a unha persoa que coñece moi ben a historia e os seus recantos nativos, como é José Luis Chao. Diante mesmo da Tafona da Herminia, Chao móstrame unha casiña humilde, con indicios de derrube, e constátame que nela naceu en 1939 Ángeles Gulín, a mítica e famosa cantante de ópera que actuou nos mellores teatros operísticos, e tantas veces no Festival de Ópera no Teatro Colón da Coruña, sirva este dato como referencia de boa querenza filial que tiña con Galiza. Eu non daba crédito á sorpresa, de que nese simple casarello nacera unha enorme soprano que tanta vida e esplendor expresivo deu á obra operística de Verdi. Mais non só espremeu o mellor da obra verdiana, senón tamén cando puxo en valor creativo de ser unha das grandes voces da ópera cando interpretou A frauta máxica de Mozart.
Pensando no gran valor creativo que tiña Ángeles Gulín, propiciou un cabreo de revolta do pouco que se coida nesta Galiza marxinada a valores que foron ovacionados por todo o mundo. E nós non temos o suficiente ímpeto para mostrar ao mundo que dunha familia de escasos recursos e nunha casiña humilde e abandonada -iso parece- non hai a menor testemuña de recoñecemento, algo insólito. Como se o goberno municipal de Ribadavia e mesmo a oposición non teñan alertado sobre a conveniencia de converter este pequeno espazo en algo que retribúa en esclarecer a esta excelsa figura local e darlle unha utilidade a esta casa que responda á profesión desta grande diva? O fago en son de pregunta, nada inocentemente nin inxenua. Só coa sorpresa que tiven de que os señores do consistorio do Común deixen derrubar algo tan simple e tan emocionante como é un casa onde naceu unha artista, que quizais para moitos veciños de Ribadavia Ángeles Gulín non deixa de ser un portento referencial. Unha casa que protexeu a unha familia que por razóns económicas e políticas tivo que deixala e emigrar a Uruguay. O seu pai foi director da banda de música de Ribadavia. En Montevideo fixo estudos no Conservatorio, debutando nesta cidade cando tiña dezanove anos e abrindo así un futuro operístico de cumprido recoñecemento. Sen dúbida, para un pobo como o de Ribadavia non deixa de ser un privilexio, sobre todo, cando se lle conserve unha casa memorial, desta ilustre ribadaviense, falecida en Madrid o dez de outubro de 2002.