Miscelánea Focense: Para adiantados, Nós
Fernández, Suso - viernes, 02 de noviembre de 2007
A nova de que a Lei da Memoria Histórica vai evitar que no veciño Ribadeo desapareza do seu rueiro o nome de Pancho Maseda, trae á nosa consideración diversos episodios relacionados coa nomenclatura das vías públicas da nosa vila.
Pancho Maseda, a quen non temos a honra de tratar persoalmente, foi un alcalde franquista, do que sempre nos chegou noticia da súa bonomía e humanidade; sencillo e afectuoso no trato, intelixente e amante da cultura, ribadense afervoado, rasgos que en boa medida definen a súa personalidade. Ó parecer é o feito de non ter sido un sublevado cando o dramático sucedido da guerra civil, o que salva o seu nome na rúa.
Polos anos sesenta os nosos gobernantes asignaron ó nomenclator do rueiro os nomes de focegos -Franco, José Antonio, Calvo Sotelo e demais xa estaban- ex-alcaldes e caídos no frente, evidentemente dos vencedores, pois tampouco temos referencia de veciños nosos que perderan a vida loitando no bando republicano.
Por aqueles tempos diuse o nome de Folke Pherzon a estrada que segue hacia Viveiro dende o Camiño dos Casás. Este sueco era o presidente de Tafisa Internacional, a empresa que proxectaba a instalación dunha gran fábrica de taboleiros de aglomerado nos terreos adquiridos en Vilarmea-Fazouro; fracasada a operación pasaron á propiedade de Celulosas del Cantábrico, que tampouco foi quen de levar adiante a súa intención de establecer unha factoría de celulosa; terreos hoxe ocupados polo polígono empresarial.
Pero os focegos, sempre tan adiantados, empezamos por dedicarlle unha rúa a Folke Pherzon, personaxe do que nunca mais se soubo.
Hai uns anos e adiantándose unha vez mais ós aconteceres da historia, neste caso a promulgación da Lei da Memoria Histórica, o rodillo democrático do concello barreo dun plumazo, sen mais consideracións, os nomes -tampouco sublevados- que as corporacións da época franquista colgaran nas rúas. Salvou Paco Maañón pola reacción ciudadá pois él foi - con independencia de ideoloxías e mesmo de filias e de fobias- o alcalde histórico de Foz. Tamén resultaron indemnes os mestres Noriega, que cos seus versos cantara a Franco e a Falanxe e Salgado Toimil, primeiro republicano e despois activo franquista; claro que é ésta unha historia moi repetida que de se ter hoxe en conta -pretenza ou relación coa falanxe, frente de xuventudes e demais órganos do movemento- rebaixaría de xeito importante a multitudinaria nómina de políticos en activo.
Evidentemente moitos dos rexedores xa o foran antes do 18 de xullo do 36; pero non importaba: o que manda non roga. E nesa voráxine incontrolada deuse un feito singular e paradóxico: veo abaixo tamén a placa que sustentaba o nome de Francisco Fuente, o primeiro alcalde socialista da historia do noso concello, fundador do PSOE local e da UGT; curiosamente fora unha corporación municipal franquista a que dera o seu nome á rúa, que o mantivo por moitos anos, mesmo ata o fin do réxime. Aquí fíxose realidade o temor e a advertencia que se atribue a un político galego, xa desaparecido, con aquela frase histórica: ¡ollo, que veñen os nosos!
Esperamos que ahora, que vivimos tempos de recuperación de nomes para a Memoria, sexa reposto no rueiro o de Francisco Fuente, a nivel local o mais relevante e carismático referente democrático daquela convulsa e irracional etapa da nosa historia. Para non ser menos que as corporacións que os precederon, os da nova precisaban tamén o toque exótico dun nome extranxeiro e así, espremendo os miolos, deron con él: Mijael Gorbachov (¿de ascendencia focega, acaso?), que dende entón aí o temos dando a imaxe cosmopolita e universalista, que para algo somos un pobo de progreso.
Nós sempre por diante

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora