Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tese sobre a vendima

lunes, 24 de septiembre de 2018
No momento en que neste noso espectro de país se segue debatendo sobre máster, teses, plaxios, copias e aforismos, un servidor leva xa dous días (hoxe será o terceiro) traballando nunha tese que pode titularse: “Como se vendima desde o amencer ata o luscofusco” (ou ata a propia bocanoite). Se se quere, a cousa é moi sinxela: para acadar o máster, todo consiste en baixar o lombo ou a soá e facer forza nos riles para levantar unha, dúas, centos de caixas e un, dous, centos de cestos. Sinalando, por certo, que tal máster non ten nin trampa nin cartón, nin voltas nin reviravoltas. É máis, agora mesmo, a estas alturas do luns, regaláballe o meu máster a calquera samaritano que se prezase. A pena, a gran pena é que non se presenta ningún. Sei que hai máster e teses que se acadan como se acadan. Pero tamén sei que... ufff, e o que non sabemos; en cuestión de estudos, en cuestión de feitos, en cuestión política, por suposto.

A tese “Como se vendima desde o amencer ata o luscofusco” (ou ata a propia bocanoite) versa sobre unhas pobres xentes que cunhas tesoiras emprenden a faena de cortar uvas a darlle cun sacho. Ó principio lévase a faena como unha xuntanza de amigos e familiares onde, as bromas, pois son bonitas. Cando as horas van pasando e a soá empeza a renxer, xa as bromas teñen outro ton; xa o que era gargallada se volve algo así coma un sorriso... case tristeiro. Neste terceiro día xa non hai brincadeira. Empezas a aldraxar contra os máster, as teses, os plaxios, as copias e os aforismos politiqueiros e da Coroa. E procuras, polo ben da Hispanidade, non pensar nos, polo menos, dous días que aínda quedan para completar a tese. Se pensas neses dous días, o normal é que a carraxe e os insultos vaian moito máis alá desas falsidades e deses politiquiños que van pola vida de listos e que, pouco a pouco, se descobre que son falsos como as pesetas.

Tamén confeso unha cousa: que tan axiña como remate esta tese, renuncio á miña carreira. Así de bravo son; saco unha tese para renunciar a toda unha carreira que me custou sangue, suor e, si, bágoas. A ver se me van achacar que plaxiei as gavias ou que copiei as cepas de tal veciño. Aí lle queda a viña e a carreira a esa política bananeira que nunca puxo os ollos na agricultura deste país. Tese rematada e carreira de viticultura para o recordo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania