Gozar do Outono
Blanco Torrado, Alfonso - miércoles, 31 de octubre de 2007
Nestes días, o concello de Guitiriz, organizou unha exposición sobre a vida e a obra do poeta Xosé María Díaz Castro, e acariciando as follas manuscritas, tramadas coa cor amarela ou loura do paso do tempo, celebrei coas veciñas e veciños, a súa querencia por este momento: Canto ao outono. En Nimbos dedica poemas ás outras estacións, pero aboia a súa inspiración na maxia deste tempo dourado, como o Outono se senta na mazá. Tamén era o leito de inspiración que máis acaía a Manuel María, nos solpores que máis versos debullou... con esa madureza e serenidade que enxerga o seu clima.
Asemellaba que ás veces contaba os poemarios por outonos ben granados. Facer o outono é tempo de sucar, e para algúns escritores da Chaira, o arado é coma a inspiración que vai abrindo espazos de creación, de sementeira, en terreos ásperos e sen cultivar. Varios vivían as San Lucas de Mondoñedo con máis unción, nos seus tempos de seminario, porque celebraban a súa cultura labrega: Pola San Lucas, apreta o boi a sucas, afina un refrán. Alí, o poeta de Guitiriz, xa estaba soñando coa súa Penélope, unha das definicións de Galiza máis comentada: Desorballando os prados coma sono,/ o Tempo vai de Parga a Pastoriza./ Vaise enterrando, suco a suco, o Outono./ ¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!.
Cómpre deixarse levar por esta regalía de tonos vermellos, castaños, pardos..., porque como case todo o que paga a pena, é cada xeira máis breve, un salouco, pola desfeita que os humanos estamos a provocar no santuario da Terra. Xa non é a luzada do verán, a luz vai entregándose melosa, en nimias racións, como facéndose querer, provocando a nosa imaxinación, para multiplicala, coma o poeta, dende o rescaldo máis íntimo do seu lar. Unha natureza que vai vestíndose con ornamentos de distintas cores, segundo o tempo litúrxico que regulariza a sucesión dos meses, e conforme ao simbolismo das chamadas festas estacionais. A outonía é moito máis ca caída da folla, disfrútana as árbores que saben que non hai primavera, sen outono, que xa non van ser as mesmas, cando volvan a abrollar con novas follas. As que van brindar ao vento e ás nosas olladas, unha imaxe diferente e irrepetíbel. Esa parte fundamental do seu corpo e da nosa existencia, pois grazas a elas podemos respirar.
E gozan as aves que emigran, escollendo a Terra Chá neste momento, para acougar e deleitarse, no seu paso, dende o frío ata rexións máis quentes, sentindo na súa pel e corazón, a tenrura das lagoas, os ríos silandeiros, a nosa xente.
O outono condimenta unha das épocas gastronómicas máis pródiga en sabores e aromas, non só froitas secas, tamén cogomelos, a matanza ou os viños novos, o salazón e as conservas, os doces de cabazas ou os marmelos, a sidra e algunhas verduras, totalmente necesarias, para manter a cadea da vida. Non é un tránsito, é unha fervenza de emocións e saudade, dende os magostos de Santos ata o San Martiño.
Mesmo as follas estradas ao redor das árbores, acubillan un universo de vida, que grazas ao lentor que conservan, axudan a subsistir a moitas criaturas, e ás raíces das mesmas plantas, vigorizando a natureza con novo zume. O proceso do ecosistema do que formamos parte, convida a respectar este clímax, antes do letargo do inverno.
Temos que armarnos de respecto nas nosas incursións outonais por esta paisaxe: caza, recolleita de cogomelos, castañas, etc., conservando este silenzo creador e rexenerador, para non ser sacrílegos nin maldicentes na nosa convivencia cotiá.

Blanco Torrado, Alfonso