Con este titular, e despois da paréntese do verán, toca retomar a actividade como se de empezar un novo curso escolar se tratase. Volver á normalidade implica tamén volver á mesma loita porque como se acostuma a dicir non queda outra.
Para ir situándonos: as barreiras arquitectónicas seguen, gasolineiras sen un persoal mínimo de atención, axudas técnicas moi caras, situacións de dependencia sen atender, pensións precarias, prisioneiros nas súas casas
Os temas van ser os mesmos porque como di a canción la vida sigue igual.
Reinicio o contacto con GaliciaDigital partindo dunha noticia que publicaba El Progreso o pasado día 3 de agosto: La catedral no es accesible para todos en plena temporada estival. Estamos a falar dunha rampla que facilitaba o acceso por unha das portas da praza de Pío XII e que esnaquizaron nun acto vandálico. Un feito lamentable certamente, pero tamén é lamentable que, mes e medio despois e coincidindo coa época de máis visitas, siga sen repoñer aínda que na noticia se dicía que estaría nuns quince días. Repito que era unha simple rampla, pero a saber que trámites burocráticos hai que salvar de novo. Quizais, provisionalmente, se podía recurrir a algunha das que se utilizan para sacar as imaxes nas procesións.

Escoitei moi poucas voces de protesta por non dicir ningunha. Isto dá idea da pouca consideración social e non se corresponde cos premios de accesibilidade que Lugo recibe. A nosa cidade está catalogada como destino turístico, algo que non deixa de ser enganoso pola dificultade de encontrar hoteis con habitacións adaptadas, aseos
como me manifestaron en varias ocasións este verán.
Ven moi ao caso o título dun programa de televisión que pregunta Qué hay de lo mío? Pois eu tamén pregunto, que hai do noso? que hai da rampla? Sobre todo agora que nos acercamos ás festas do San Froilán. Teño que destacar que a rampla é só un aspecto dun listado de cousas a mellorar. Lembremos a necesidade de adecuar un itinerario accesible para salvar as complicadas lastras da praza de Pío XII. Tamén estamos en espera do prometido ascensor para acceder ao seu museo. Queda traballo!!!