Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os ferreiros dos Vilares

martes, 18 de septiembre de 2018
Na parroquia de Díaz Castro houbo moitos canteiros, como xa deixou constancia Antón de Guizán nas páxinas deste mesmo periódico, o que facía necesaria a labor dos ferreiros para apuntar e fabricar as súas ferramentas.

O ferreiro mais antigo do que temos noticia é Lourenzo Losada, que tiña a súa forxa na aldea de A Tiñaz, na casa que aínda se coñece como a Casa do Ferreiro. Pola súa forxa pasarían todos os veciños da parroquia, pois naqueles tempos todos os apeiros de labranza eran obra dos ferreiros; ferreiros que sabían dar o tempero necesario a cada ferramenta, observando como por maxia o roxo vivo do aceiro quente se ía convertendo nun azul violeta ao metelo na auga fría, dependendo das veces ou do tempo que eles crían necesario para conseguir a cor correspondente que lle dera a dureza necesaria ao aceiro. Estaba casado con Mari Pepa, da casa de Ciprián de Liñarede, pero non tiñan fillos e a mediados dos anos 30 do século pasado púxose mal da cabeza, volvéndose moi violento. Din que nunha ocasión tivo que subir Salvador de Lagares, amodiño polas escaleiras e collelo por detrás para reducilo, cando estaba ameazando aos veciños con unha escopeta desde a fiestra. Despois tiveron que recluílo no cuarto da casa, amarrándoo con unha cadea que pasaba por un furado que fixeron nas táboas para poder atala a unha viga de debaixo do piso. Rematou os seus días nun psiquiátrico de Salamanca e, ao morrer, Mari Pepa vendeu o lugar aos veciños e a casa a Antonio de Carreira e foise para Bos Aires.
Os ferreiros dos Vilares
A labor que desempeñaba Lourenzo tivo continuación en Serafín López, da casa de Sabugueiro de Malde, quen soia dicir con sorna: Nunca te metas cun ferreiro, que é capaz de facer calquera cousa! Empezou a traballar nun pequeno e lúgubre espazo que aínda se pode ollar entre o bonito e centenario pozo comunal da aldea e o hórreo, ademais, aproveitando o encoro do muíño que a súa casa de Sabugueiro tiña no río Xarondo, entre o Porto de Mende e o Porto de Malde, fixo un canal e instalou unha moa para afiar as ferramentas. Mais tarde foise para a vila de Parga, onde montou a Ferretería Serafín, que aínda goza de boa saúde.

Na aldea da Reboira tiña fragua Ánxel Gómez, da casa do Larizo, que facía e reparaba as ferramentas de todos os lugares que bordean o Cordal de Montouto, aldeas nas que non tiña competencia algunha, pois a forxa mais achegada era a de Xosé Lobeiras, mais coñecido como O Armeiro de Berulfe, un milmañas autodidacta ao que o mesmo lle daba sacar moas con unha dentuza deseñada e fabricada por el mesmo, que reparar escopetas, alumar as festas con uns petrománs cando aínda non había luz ou facer fotografías na Feira de Parga coa súa máquina Leica, pero el so se dedicaba a forxar as pezas que necesitaba para os seus amaños e non para a veciñanza.
Os ferreiros dos Vilares
Ignacio Rodríguez, da casa de Sabugueiro que está cabo do Cancelo, era outro artimañas que reparaba todo tipo de máquinas e ferramentas: Máquinas de coser, motores, máquinas de mallar, ou pistolas. Contan que cando xa estaba encamado e moi maliño, oíu o ruído dun motor que estaba mallando e dixo: Ese motor vai parar. E así o fixo ao pouco tempo, polo que pediu que o levaran ata a aira nunha padiola e despois de dar as ordes oportunas do que tiñan que facer, o motor volveu mallar.

Naqueles tempos non lles faltaba traballo tanto ao Armeiro como a Ignacio, xa que os dous eran moi habilidosos ena primeira metade do século pasado case todos os veciños tiñan pistola, pois había un forte enfrontamento entre os dos Vilares e os do Buriz con constantes pelexas e eles eran os que se encargaban da reparación das armas dos dous bandos, fabricándolle na forxa algunha peza se fora necesario. Non se sabe ben porque xurdiu ese conflito veciñal, pero unhas veces viñan os do Buriz ao adro dos Vilares á saída da misa con gadañas, eixadas e outras ferramentas de labranza, chegando incluso a morrer un do Buriz dunha pedrada, o que levou a declarar e á cadea a varios veciños dos Vilares, pero outras veces eran os dos Vilares os que ían ao adro dos veciños coas mesmas intencións. Os veciños do Buriz levábanllas a Ignacio por estar a súa casa mais cerca que a do Armeiro, pero procuraban levarllas de noite para que os dos Vilares non souberan que lles reparaba as armas ao inimigo.

Ánxel Calvo, de Lindeiros, tivo a súa forxa en Vilasuso mentres estivo na casa de Piñeiro, pasando despois ó Barreiro, cando fixo alí a súa casa, pero os que mais se dedicaron a ese oficio foron Anxel Iglesias, da casa de Carreira da Tiñaz e Arturo Ansede, da casa de Meao das Reixas. Ánxel aprendeu o oficio na casa de Vilariño de Campoverde do Buriz, cos irmáns Xosé e Domingo, e rexentou durante moitos anos a antiga forxa da Casa do Ferreiro da Tiñaz, que mercou seu pai ao morrer Lourenzo Losada e deixou de traballar nese oficio cando en 1962 emigrou a Bilbao. Os dous traballaron durante bastante tempo apuntando as ferramentas na canteira que os Montero de San Salvador tiñan no lugar da Locencia e os dous afiaban os gadaños, coitelos e fouciñas, na moa da que falamos anteriormente e que xa montara tempo atrás Serafín de Malde no río Xarondo.

Arturo foi o último Vulcano da parroquia e o último ferreiro que me apuntou os picos, ciceis e punteiros para traballar na Pena das Grallas e facer o Busto de Xosé María Díaz Castro na Costa do Pazo. Con el pechouse a última fragua e con el desapareceron as forxas na parroquia dos Vilares, nas que tantas veces vin soldar por caldeo -a forma mais primitiva de soldar aceiro- para calzar o ferro dun arado ou o aceiro dun gadaño, utilizando unhas pastillas de color chocolate para eliminar o óxido, compostas por ácido bórico e sal de amonio entre outros ingredientes químicos como o ferrocianuro de potasio e o bióxido de manganeso.
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES