Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Recordo da Primeira Comuñón

lunes, 17 de septiembre de 2018
Nas cidades todos os trastos van parar ás bufardas. Nas vilas e aldeas adoitan ir para as palleiras. Hai uns días, e facendo limpeza na palleira, un irmán díxome que pasase por Baños de Molgas a recoller unha fotografía enmarcada que, nun descoido, podía acabar no lixo. Estrañoume tanto o da foto (porque as que teño de rapaz pódense contar cos dedos dunha man), e como me era imposible imaxinar cal podería ser, case ó momento marchei para alá.

Tan axiña como a vin, dalgunha maneira desilusionoume algo, pero, pola contra, tamén me emocionou. A emoción veume porque, ó instante, pensei na miña nai. A foto non era tal foto. A foto era o Recordo da Primeira Comuñón, que celebrei o día 6 de agosto (San Salvador, Patrón de Baños de Molgas) de 1966, sendo párroco don Manuel Pulido Vázquez.

Unha lámina enmarcada que me fixo nubrar os ollos pola miña nai. Esta arrepentiuse toda a vida de non sacarme unha foto como fixeran os demais compañeiros. Por non gastar. Por aforrar. Lembro que, de rapaz, o asunto da foto doeume algo. Hoxe, é un detalle máis para admirar á miña Loliña e por moito que ela se arrepentise. Hoxe sei o que pasaron eles para sacar adiante a tres homes que, para máis aquel, estudaron e produciron máis gastos que ganancias.

Toda cadela, toda peseta aforrada era pouca. As fotos, naqueles anos, para uns pobres labregos, tiñan que custar un diñeiral (hoxe, xa vedes, esgotamos as baterías dos móbiles de tanto que disparamos). Lola, non me vexo no marco, pero, agora, ó contemplalo, véxote a ti. E iso non ten prezo.
Recordo da Primeira Comuñón
A lámina amosa o típico altar relixioso e un cordeiro deitado sobre un libro sagrado. Ó mesmo tempo, o carruxo suxeita unha cruz da que colga unha orla coa frase “Agnus Dei Qui Tollis Peccata Mundi” (Cordeiro de Deus, que quitas o pecado do mundo). Nos laterais da lámina, dúas columnas: na da esquerda, “Hoc Est Enim Corpus Meum” (Este é o meu corpo); na da dereita, “Hic Est Enim Calix Sanguinis Mei” (Este é o cáliz do meu sangue)

Non teño foto da Primeira Comuñón, pero quédame a imaxinación para pensar que son o cordeiro deitado sobre a pobreza dos meus pais. Dunha pobreza económica pero rica de desexos e de ilusións para o ben dos seus tres fillos. E nunca máis tal cadro caerá nos trastos, nos trebellos dunha palleira. Vai por ti, nai.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES