A campaña de micromecenado (crowdfunding) para a restauración dos Frescos dos Vilares xa ten imaxe oficial. O deseño foi encargado á artista muxiá Viki Rivadulla que ten colaborado xa coa Asociación Sociocultural Lareira de soños no deseño dos premios TrapeirX de Honra e no Certame Vilariñas de micro poesía da NPG Nova Poesía Guitírica.
Viki Rivadulla ten xa a experiencia de ter participado tamén activamente na reivindicación exitosa da restauración dos Frescos murais do Mosteiro de Moraime na Costa da Morte. A artista quixo segundo as súas propias palabras: "Quixen marcar a idea de colectividade e de algo feito por nós e que forma parte de nós. Leva tamén as mesmas cores da paleta das restauracións, ocre, óxido de ferro, negro e branco e tentei plasmar tamén a ideia da antigüidade das pinturas...".

Esta imaxe será a representativa da campaña que comezará en febreiro de 2019 e acompañará tódalas accións da mesma, spot, folletos, carteis, comunicacións, charlas, produtos de promoción, etc...
Co lema 'V SÉCULOS DE NÓS / FRESCOS DOS VILARES' a Asociación Sociocultural Lareira de soños tentará recadar os cartos necesarios para evitar a desaparición destas importantes pinturas renacentistas descubertas en 1991 e ás que se atribúe a autoría ao Mestre de Parga.
A campaña ven motivada polo pasotismo das distintas administracións diante das demandas de actuación e a desproteción e abandono que levou ás pinturas a un estado de deterioro que pode levar a unha perda irreversibel dos Frescos.