Hoxe, oficialmente, pola contorna de Baños de Molgas empeza o inverno. E non me refiro ó inverno climatolóxico, senón ó inverno poboacional. Cara á finais de agosto marcharon xa moitos emigrantes, pero é que ó rematar as Novenas de Os Milagres, definitivamente, marchan aqueles, chamémoslles, xubilados que sempre adoitan quedar para visitar á Santiña do Medo. Así é que, rematadas esas, quedamos os de sempre, os do inverno.
As Novenas finalizaron o sábado, co seu famoso Día 8, o día da Virxe e o día no que era e aínda é tradición o de xantar pola contorna logo da misa maior. Aínda que, a tradición, hai que recoñecer que non é como era. Agora, uns van directamente a restaurantes, por moito que se teñan que afastar bastante do recinto do Santuario; e outros baixan ata as zonas da Pitediña, As Mestras e A Ansuíña de Baños de Molgas. Cando, antigamente, todo o mundo se quedaba polo monte Medo, o máis preto posible do Santuario.
Véñenme á cabeza aqueles anos nos que percorriamos a pista de terra e coios que partía de Baños de Molgas con toda a comida metida nas alforxas que levaba o burro e por entre os piñeiros celebrabamos o gran xantar, a gran festa de Os Milagres. A comida, hai que dicilo, non é que fose moita: a base de unha empanada e un roscón que se cocían o día anterior no forno do concello, as torradas e algunha chouriza, se por un casual quedaba na casa; pois naqueles anos todo o de valor, todo o máis rico se vendía. Así é que, o xamón, nin cheiralo, porque xa se vendera moitos meses antes. Pero, por encima da comida, estaba a tradición; é dicir, a ilusión de días antes porque estaba a piques de chegar o Día 8; a preparación, o día anterior, do que había que levar e do que non era necesario levar; o camiño, a pé e co burro de ramal, subindo polo Medo, parándose a beber na fonte da Portela, collendo o atallo e deixando o burro preso a un piñeiro mentres asistiamos á misa e á procesión.

E rematabamos xa co gran xantar, coa gran reunión familiar, coa típica sesta dos maiores e cos paseos dos rapaces polo recinto das poucas diversións que había: os carruseis, as barcas e, como moito, os coches de choques, que, para un servidor, por suposto, estaban máis que prohibitivos. Como moito, subía algunha vez ás barcas, só para facer contrapeso.