En terra amiga. Na lembranza de Xacobo Adolfo, irmán (+28.IV.2018)
Cabada Castro, Manuel - martes, 11 de septiembre de 2018
En adiante non te chamarás Xacob [...], pois aloitácheslles a Deus e mais ós homes e puidécheslles (Xénese, 32, 23-33)
En terra amiga vivirá e soñará. Ó longo dos tempos e da eternidade...
O vivir ten moito de loitar ou mellor- de aloitar, como adoitamos expresarnos os nados en Sabucedo. É dicir, de medir de cando en vez con outros, de maneira esforzada e amigábel, as propias enerxías e habelencias nun regrado e valente corpo a corpo.
Tamén o Xacob bíblico loitou ou aloitou. Hai, porén, maior privilexio có de lle aloitar mesmo a Deus (e non só ós iguais a un mesmo)? Xacob puido así acadar de Deus a súa bendición por máis que como consecuencia da súa aloita con el segundo se nos di- ficase coxo dunha perna para o resto da súa vida. Mais que importa isto ante o desafío amigo de lle retar a quen máis pode?
Nas aloitas (tanto coas bestas bravas coma cos humanos) é como se aprende a sopesar e acrecentar as propias, pequenas ou grandes, forzas. Pois quen se dedica a medir as súas forzas con cativos, pequerrecho ficará para sempre pola súa parte tamén el.
Ocórreseme que Adolfo, o noso benquerido Xacobo Adolfo -esposo, pai, irmán, etc.- debeu de aprender tamén algo do Xacob bíblico, aínda que el mesmo non o soubese. Endexamais nin cando a enfermidade ía adoptando novas e insospeitadas estratexias- se apuntou á rendición. O seu non era iso.
Sobre a aloita bíblica de Xacob con Deus dísenos que ocorreu de noite (ata o amencer) e en solitario. En realidade, neste tipo de aloitas (vitais e existenciais) non se sabe moi ben quen resulta vencedor, pois Xacob só deixou de loitar co seu Deus e de poñelo por así dicilo- en apuros cando lle impetrou e acadou del a súa bendición.
Por iso este Deus, o Deus co que esforzadamente nos relacionamos nas nosas vidas, é sempre e en definitiva un Deus bo, aínda que el non nos poida comunicar o seu nome.
Trala aloita, en certo modo sempre nocturna, volvemos de novo todos á terra que nos acollera. Unha terra, fermosa como o é polo menos para nós a nosa. Esa terra que agacha as raiceiras do seu florecer vital nos seus fondos escuros, nocturnos tamén (coma os que precederan a bendición recibida por Xacob).
Pois a fermosura da vida xorde sempre desa xeradora matriz do vivir que se agacha na semente, na lentura da terra amiga e mais na amorosa e agarimante presenza benfeitora, alá enriba, dun sol amigo e xeneroso.
Irmás e irmáns somos das criaturas todas da terra e mais do ceo. Presiden elas a nosa vida aquí. Non deixarán de facelo no permanente misterio do seu sosegado estar aí connosco.
Mais o Deus calado, misterio dos misterios, seguirá sentindo compracencia en continuar connosco a súa e nosa aloita perenne e amiga. Ben se ve que levamos tamén en nós algo da súa estirpe, da súa raza.
Vivimos, movémonos e existimos nel -en Deus-, dicía xa Paulo. Seguramente foi tamén o esforzado apóstolo dos xentís un bo aprendiz de aloitador.

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora