Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Verne e Vigo: no 150 aniversario da arribada do Nautilus

lunes, 10 de septiembre de 2018
Verne e Vigo: no 150 aniversario da arribada do Nautilus E ben, señor Aronnax, estamos na baía de Vigo e só de vostede depende que poida chegar a coñecer os seus segredos.

Con estas palabras anunciaba o capitán Nemo, protagonista da moi célebre Vinte mil leguas baixo dos mares, a chegada ás augas olívicas do non menos famoso Nautilus, xustamente hai estes días cento cincuenta anos: o 18 de febreiro de 1868.

Con tal motivo, tiveron lugar na cidade as xornadas ‘De Verne a Vigo’ coordinadas polo xornalista Eduardo Rolland. Nelas, expertos na vida e obra do escritor francés analizaron diversos ángulos da súa suxestiva biobibliografía e reviviron as visitas que Verne fixo á cidade en 1878 e 1884, onde fixo escala co seu iate Saint Michel III durante varios días, tempo abondo para vivir intensamente a procesión do Cristo da Vitoria e a festa da Reconquista, visitar a fortaleza do Castro, frecuentar o Café Suízo na rúa do Príncipe, bailar no Campo de Granada e cartearse con medio mundo dende o Hotel Continental.

Con certeza, Jules Verne inmortalizou literariamente a cidade e a ría de Vigo, pois a súa obra está traducida a ducias de idiomas, ten numerosas adaptacións cinematográficas e o seu relato é coñecido por millóns de lectores dende que se publicara en 1870.

Mais, ¿quen foi Verne e como se interesou por Vigo e polo tesouro de Rande que financiaría as expedicións do afouto Nemo?

En esencia, un intelectual davinciano, de curiosidade insaciable, que concibiu un proxecto absolutamente fascinante: unir Ciencia e Literatura a través da narración de extraordinarias viaxes e aventuras.

Verne foi, dende ben noviño, un ser de excepcionais dotes de observación, devecente do seu pequeno telescopio co que contemplaba o ceo estrelado de Nantes des que o sol se Verne e Vigo: no 150 aniversario da arribada do Nautiluspoñía e xa non podía ollar os navíos cruzar o Loira.

Xa adolescente, sendo estudante en París, privábase do imprescindible e pasaba semanas alimentándose apenas de leite e pan para, cos cartos aforrados, mercar libros e libros, ir ao teatro e participar da vida cultural parisiense. Foi entón cando, por medio dun tío seu, coñeceu a Alexandre Dumas pai e se fixo grande amigo do seu fillo, tamén afamado escritor.

Aínda que se formou como avogado, pronto empezou a gañar a vida como secretario do Teatro Lírico e comezou a escribir moita literatura dramática, unha afección que lle durou sempre, malia que despois acabou por deixar estas ocupacións e pasou vivir primeiro coa axuda da súa esposa (unha acomodada viúva coa que casou novo) e logo como axente de bolsa.

Na súa andaina como autor foi decisivo o encontro en 1862 co editor Pierre-Jules Hetzel, quen o fichou para que comezase a escribir unha serie de novelas por entregas de ‘Viaxes extraordinarias’ das que naceron títulos inesquecibles como Cinco semanas en globo (1863), Viaxe ao centro da Terra (1864), Da Terra á Lúa (1865), Os fillos do capitán Grant (1867) ou A volta ao mundo en oitenta días (1872).

Viaxeiro por medio mundo, estudoso insaciable de disciplinas tan dispares como a Química, Botánica, Xeoloxía, Mineraloxía, Oceanografía, Astronomía, Matemática, Física, Mecánica ou a Balística, membro da Sociedade de Xeografía de Francia, analista da obra de Poe, sobre a que escribiu unha serie de coñecidos ensaios, as súas inconmensurables ganas de vivir fixeron que sobrevivise á Guerra Franco-Prusiana na que foi alistado e mesmo a dous balazos que o un seu sobriño toleirán lle propinou diante a porta da casa e que, de resultas, o deixaron cunha coxeira para os restos, mais aínda rufo para viaxar e implicarse intensamente na vida de Amiens como concelleiro, organizando eventos literarios ou aconsellando a construción de edificios culturais, o que fixo que lle concedesen a Lexión de Honra uns anos antes de que presaxiase o seu pasamento e escribise a premonitoria O testamento dun excéntrico (1899), logo de destruír gran número de documentos e notas e ir deixándose vencer polas doenzas gástricas, os desmaios, as parálises faciais e a diabetes, que o foron cegando e deixando xordo ata acabar con el en 1905.

Verne, visionario
A imaxinación portentosa de Verne e as súas infindas pescudas na literatura científica da época fixeron que trufase os escritos de innovacións tecnolóxicas e progresos humanos que non foron unha realidade ata ben anos despois de que el os concibise. Poño por caso, a rede internacional de comunicacións telegráficas que idea en París no século XX (1863), avanzando Internet; a chegada tanto ao Polo Norte (As aventuras do capitán Hatteras, 1866) coma ao Polo Sur (A esfinxe dos xeos, 1897) ou os paseos lunares que fantasiou en Da Terra á Lúa (1865) e Arredor da Lúa (1870) cuns personaxes que, ¡casualidades!, partían na viaxe de Cabo Cañaveral e regresaban aterrando no Pacífico.

Porén, na memoria colectiva dos galegos ha ficar para sempre a maxia toda do Nautilus, un enxeño descoñecido capaz de navegar baixo os mares, que logo de abandonar a enseada de San Simón e deixar atrás as Cíes aproou cara á Atlántida, hai agora século e medio.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES