Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os incendiarios e pirómanos

viernes, 07 de septiembre de 2018
Todas as persoas humanas deberíamos dedicar algún tempo da nosa vida a coñecernos un pouco mellor. Seguramente somos a realidade menos coñecida, e ten unha explicación, mais non unha xustificación: O que está moi cerca da nosa vista, e permítanme expresalo así, vémolo mal e corremos o risco de equivocarnos. Hai que separalo un pouco para obxectivalo mellor.

E penso que, aínda que todos padecemos esta limitación (recorden o aforismo escrito no pronaos do templo de Apolo, en Delfos, segundo Pausanias, atribuído a moitos filósofos, entre eles a Sócrates: “COÑÉCETE A TI MESMO”, traducido ao latín como “nosce te ipsum”), os “incendiarios e pirómanos” necesitan vigorizar a vontade de loita contra as súas perversidades, concienciándose algo máis do medio–ambiente, cultural e físico, porque evidencian ignorar que aquel constrúese e este modifícase.

É unha pena que a estas alturas algúns dos nosos semellantes non saiban que o home/a muller necesitamos coñecer moito máis acerca das dúas correntes que canalizan a nosa relación co medio–ambiente: unha, INTEGRADORA, a nivel biolóxico, psicolóxico e onto–axiolóxico–utilitario–estético, é dicir, do medio veñen os elementos bioxenéticos (C, H, O, P, ...), que constitúen, combinados, o que se chaman PRINCIPIOS INMEDIATOS (proteínas, lipoides e hidratos de carbono). Do exterior recibimos os alimentos, que subministran á nosa función de nutrición, que é integradora. E a outra corrente, do home ao medio–ambiente, LIBERADORA das enerxías somáticas e psíquicas.

Pero tamén incorporamos, en certo modo, psicoloxicamente, o ambiente. Por suposto, hoxe contamos con varias teorías ao respecto; mais eu aquí só lles vou ofrecer unha cita do biólogo e filósofo alemán, que naceu en Estonia, Jakob J. von Euxküll, traducida ao galego: “para poder comprender ben o nivel das accións animais debemos estudar exactamente as condicións do mundo exterior no que viven, porque cada especie animal posúe o seu mundo exterior”. E O HOME/A MULLER NON SON UNHA EXCEPCIÓN!!: É, polo tanto, incuestionable que cando certas disposicións no home e na muller se desenrolan nun ambiente propicio, espertan neles sentimentos de agrado: pensemos como inflúe unha alegre paisaxe na disposición dos mesmos, como, por exemplo, o arroubo de Virxilio e, incluso, da nosa Rosalía de Castro.

Tamén os tres niveis (onto–axiolóxico–estético) son integradores: O home coñece a realidade e o ser das cousas, tomando contacto con elas, integrando a realidade na totalidade da súa vida, investigándoa e dando razón da mesma: É EVIDENTE QUE SI O PANORAMA ESTÁ DESFIGURADO, VÉSE ALTERADO O RESULTADO DESTE COÑECEMENTO. Ata onde poden desfiguralo as perversidades humanas témolo ben presente en múltiples e diversas experiencias delas.

Tampouco cabe dúbida que o home/a muller desde o nivel axiolóxico–utilitario, cando da só valores económicos ás cousas, PERDE A VISIÓN TOTALITARIA E NON SE DETÉN NO SEU EMPEÑO DEPREDADOR, aínda que sexa tal vez aquí onde adquire conciencia das crises. Xa Ortega se fixo cargo disto, como pon de manifesto nas seguintes palabras: “Van será o empeño que algúns poñen en descoñecer a grave crise que hoxe atravesa a historia occidental. Os síntomas son demasiado evidentes e o que máis se obstina en negalo non deixa de sentilo no seu propio corazón...”. Comeza aquí unha subrepticia actitude hipócrita no home, de consecuencias imprevisibles, porque o egoísmo e a insolidariedade borran o substancial do medio–ambiente para os animais, en xeral, e para o mesmo home, en particular, con esa función integradora, constitutiva e liberadora.

Velaquí, pois, onde emerxen, xa que logo, os principios estruturais da vida moderna: racionalismo e racionalización, que aparecen das seguintes formas: Aparatos, entendidos como máquinas, e, metaforicamente. como instrumentación científica, económica e política, “CONCEPTUALIZANDO”, reducindo o mundo a esquemas pragmáticos, e marxinando a “IDEALIZACIÓN”, a creación e potenciación de horizontes de valores, únicos capaces de frear o noso afán depredador.

En absoluto, en todos os niveis, se nos pode escusar aos home e ás mulleres de comportamentos irresponsables e incualificables, apresurándonos a perder o contacto coa mesma vida, xa que non percibimos o ambiente na súa pura naturalidade, senón a través da lente do aparato conceptual. POR ISTO O COÑECEMENTO QUE HOXE TEMOS DO AMBIENTE É PATOLÓXICO, e lévanos a perder os estímulos de certos sentimentos e emocións enriquecedoras, de cuxas ledicias gozaron os nosos antepasados.

Resumindo. Estamos condicionados polo ambiente; psicoloxicamente, hai unha co–implicación entre el e nosoutros; é un medio de inspiración e un campo de estímulos para a sensibilidade apropiada, onde se abre un horizonte que nos permite facernos cargo de nosa mesma realidade; economicamente, a única fonte orixinaria de recursos; como utilidade, non hai nada máis rendible; pero as nosas accións sobre el deixan moito que desexar, e disto somos case todos bastante conscientes, aínda que a excepcionalidade das inhumanas condutas de pirómanos e incendiarios revelan un extremoso descoñecemento non só das consecuencias inmediatas e futuras, que, ao parecer, son do seu agrado, senón da propia realidade biolóxica e persoal, e a súa responsabilidade xeracional, por insolidariedade, ten imprevistas repercusións nas xeracións futuras.

Xustamente por isto, creo que vale a pena invitalos a reflexionar sobre o verdadeiro alcance da tamaña perversidade. Pero talvez non sexa moi fácil adecuar a espita das súas correntes sentimentais para que prime a entrada ao coñecemento desa realidade persoal cos valores da dignificación da mesma, o que desencadea, inevitablemente, nos poderes públicos a incoación de procesos encamiñados a lexitimación do uso dos medios pertinentes e conducentes ás adecuadas correccións, aplicando a racionalidade científica e a fundamentada “razoabilidade” institucional.

Sería importante que a madurez moral de pirómanos e incendiarios recuperara un certo sentimento de responsabilidade, para evitar que os poderes do Estado necesiten utilizar eses recursos xurídicos, dirixidos tamén a introducir o principio de temor, para vigorizar o de responsabilidade, e abrir o da esperanza da redución de futuras perversidades; pero, hoxe en día, aínda que presenta unha cara pouco atractiva, e leva consigo un indesexable descrédito para os imputados, hai que recoñecer que é máis necesario que noutras épocas, nas que a boa marcha das relacións ambientais aínda non xeraban os problemas ecolóxicos da magnitude dos actuais.

Por que ocorre así? – Preguntarase algún lector. Poden apuntarse varias razóns. Permítanme a min só insistir no desarraigo do “mundo da vida”, que os alemáns designaron co termo LEBENSWELT, ao que lle concederon non pouca atención filosófica. Del estamos perdendo as experiencias, que acontecen en niveis PRECIENTÍFICOS, onde a “idealización” ten un matiz creativo predominante, e a “conceptualización”, como esquematización da natureza, non a despraza. Polo contrario, o obxectivismo das ciencias, sen dúbida, relegou ao esquecemento AQUELAS EXPERIENCIAS ORIXINARIAS QUE A MESMA CIENCIA DEU POR SUPOSTO. E descúlpenme a teimada insistencia.

Por iso o mundo actual está concibido para ela (para a ciencia) e ao servizo dun “economicismo” desalmado, a pesar de que é o que habitamos, vivindo cunha celeridade tal que as correccións de hoxe xa non serven para mañá: Córrenos moita presa chegar..., aínda que non saibamos a onde vamos, debido a opacidade deste horizonte vital tan complexo que xeramos, sen decatarnos que polo camiño imos deixando un baleiro existencial que nos está levando a vivir “tempos confusos”, como di con moito acerto e graza a escritora galega Marica Campo, nun artigo, “... – eu diría - escribe - que de involución na escala animal – e mesmo nos poñemos aros no nariz, como adoitaban facerlle aos cochos para que non fozasen na maseira, ou mercamos roupa rachada e tatuamos marcas na pel, tal poldros na rapa das bestas,...”. Si..., volvemos ás selvas, se deixan algunha os pirómanos e incendiarios!!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES