Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vendaval desatado

jueves, 06 de septiembre de 2018
A poética de Daniel Salgado está argamasada con metralla abonda para perfurar as acomodadas conciencias burguesas, mais tamén non desapide da estraña flor da melancolía, esa que procura a beleza escintilante no medio do caos máis absoluto.

O gran rexeitamento/Flores para Albert Ayler, o seu máis recente poemario, de dúplice e revelador título, é un bo exemplo desa conxunción de pólvora e magnolias herdada.

Dunha parte, o total refusamento preconizado por Marcuse, sempre a prol da(s) liberación(s) todas. Doutra banda, os harmónicos de Ayler, free jazz en estado puro a crear melodías de inusual fermosura, sempre contracorrente.

Deixei escrito cando me referín a anteriores poemarios do monterrosino que hai nel unha constante tensión da linguaxe, un cuestionarse os límites do que pode chegar a dicirse e, asemade, unha correspondencia especular entre ese ir elastizando os lindes do comunicable e a capacidade para a hermenéutica do social entrópico. Os versos de Salgado son, nese sentido, un percutir nas membranas máis sensibles da ética, da necesaria demanda de xustiza, equidade e solidariedade.

Esa vocación de imprescindible denuncia vai acompañada aquí dunha estética rítmica, con poemas mantra, salmodia que itera conceptos definitorios para crear unha sinfonía particular, libérrima, onde os retrousos son trallazos letais e os versos se vernizan dunha dicción de sístoles e diástoles ben xenuína.

Tal dicir das lacras do establishment ten como banda sonora o pretérito de vangarda do incomparable Ayler, que ve como as pantasmas, espíritos e campás da súa música son aquí presenzas significativas. Deste xeito, cando “sopra o aire do lobo/ o metal retórcese” e o saxo tenor do de Ohio consegue que lembremos que “a beleza insiste/ transita/ entre estruturas que colapsan”. Todo gravita sobre nós e “as pantasmas non se aparecen/ desfilan/ tremen ao fondo dos espellos/ como restos de liberación/ como cinza/ sobre as rosas”. Porque “a lóxica é o desequilibrio/ a lóxica das cousas é o desequilibrio” e cómpre camiñar cara á “detonación que esfarela/ esta organización das cousas” e, sobre todo, non esquecer xamais que a derrota das hostes occidentais “é a causa sagrada/ o perigo/ a revolta dos escravos/ o final da dinastía/ o inicio da liberdade” e, por iso, o poemario remata cando “as árbores caen/ as árbores caen”.

Con citas das “Vaguedás” das Follas novas rosalianas (“¡Paz, paz,/ ti es mentira!”) e do Funk lore do afroamericano Amiri Baraka (“Cando Albert regresou da/ tumba, non tiña saxofón”) este O gran rexeitamento/Flores para Albert Ayler é unha magnífica plaquette de Daniel Salgado coa que afirma a súa andaina a colección Pan de Abella de Apiario Editora, principiada co non menos memorable Auga a través de Dores Tembras.

Poesía de impacto, desafiante, escrita rebelde con causa, esferas lírico-musicais tanxentes que confirman que “ningún espello resiste semellante ataque/ o vendaval desatado/ que esnaquiza todo brillo”. Aí o está o nadir irradiante da deontoloxía Salgado, un clamor revolucionario imposible de silenciar.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania