As peneiras do pensamento
Santalla, Iago - miércoles, 05 de septiembre de 2018
Vivimos tempos incertos, tempos tendenciosos de sobreinformación nos que todo o mundo sabe de todo nivel experto. As redes sociais difunden información a velocidade de vertixe, o que fai que calquera nova poida recorrer o mundo en cuestión de segundos. Falamos de novas tratadas dende unha perspectiva subxectiva e, polo tanto, tendenciosa.
Cabe aclarar que non hai nada malo en ter unha tendencia e informarse en medios afíns.Toda persoa ten dereito a escoller o prisma dende o que quere ver a vida, polo tanto os medios de comunicación ideoloxizados son admisibles e lexítimos (sempre e cando non estean financiados co erario público).
O problema, como tantas veces, vén da man da educación que ten a obriga de formar cidadáns críticos e capaces de distinguir o prisma dende o que se está informando para valorar na súa xusta medida a información. Nesta empresa a educación loita contra un xigante chamado internet, onde a verdade e a mentira conviven en harmonía. É culpa de internet? Non, internet é como un tendal: ten conta do que lle poñen. É culpa de quen colga? Depende: se mente consciente e intencionalmente para favorecer uns determinados intereses en detrimento doutros, evidentemente si; se, en troques, expón a súa visión dun determinado tema é perfectamente lexítimo.
Respecto aos medios está claro que cando a tendencia se volve tendenciosidade, converténdoos en lacaios, entran nunha espiral ideolóxica que os leva a antepoñer os citados intereses á ética xornalística.
De novo a solución é a educación crítica que leva á persoa a poñerlle peneiras ao pensamento para separar o grao da palla escollendo, con criterio propio, as fontes das que quere beber.
Na medida na que a educación sexa capaz de poñer peneiras no pensamento, estará botando os alicerces dunha democracia consolidada.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora