Está neses cincocentos!
Chegar é fácil, o difícil é manterse. Relativamente. Non é tan fácil chegar. Datos á palestra: se a 20 equipos de fútbol de primeira división lle multiplicamos 25 xogadores,

que vén sendo os compoñentes de cada equipo (xogador arriba, xogador abaixo), danos o resultado de 500 xogadores xustos. 500 xogadores tan só entre preto de un millón federados. Ollo ó piollo!, moi pouquiños para tanta inmensidade. O xogador molgués David Ferreiro está neses 500. Iso non o acada calquera. A proba está en que, en oito anos, ningún ourensán fixera tal; o de debutar na categoría das estrelas. É certo que o fixo exactamente no minuto 89 con 31 segundos, que, iso, noutras circunstancias, é case coma un insulto para o xogador. Para os molgueses, para un servidor, non é tal insulto, precisamente polo detalle ese: o de estar metido entre os 500 mellores xogadores da Liga española. Oito anos que non había un ourensán nela. Ningún molgués en toda a historia futbolística. Ata agora. Por iso é que non queda outra que lanzar bombas de palenque por un rapaz que correu polas airas de Baños de Molgas e que agora corre e correrá polos mellores estadios de fútbol do noso país. Entenderedes, lectores, que este ano sexamos do Huesca.
Na flor da elegancia
Quero contemplar a aira en silencio, pero o ruído da miña respiración espanta, axota os pensamentos. Á mesma beira, un pardal chouta de aquí para alá e, cando quere, bota a voar. Sento xunto ó pé dun canastro e deixo que os sentimentos naveguen polo Támesis. Porque polo Arnoia goldraron toda a infancia e practicamente toda a xuventude. Porque polo Arnoia seguen a navegar toda a vida. Non respiro e, agora si, agora o silencio viaxa en ascensor para pousar no tendido eléctrico da Aira de Arrriba ó lado mesmo dunha rula con plumas brillantes, elásticas e cheas de orballo. Non hai coma o orballo deitado na flor da elegancia! Collo o libro que teño á miña beira, e baixo o silencio compartido dun respirar acompasado, leo as primeiras liñas dun romance ó que aínda lle quedan moitos capítulos. Caio na conta de que o Támesis está a afogar baixo unha néboa que semella orballo, ou baixo un orballo mesto que penetra na néboa para que, eu, un servidor, pense que no silencio, na maioría dos silencios, hai unha alfombra de romanticismo. Estendo a alfombra ó flanco dun palleiro e deixo que o meu corpo sosegue ante o elegante voo da rula coas plumas elásticas.
