Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Viva o folión

jueves, 30 de agosto de 2018
Non podía empezar doutro xeito. Teño que felicitar aos membros da asociación “Amigos do Folión” que preside Manuel Vázquez Regal, pola súa ilusión e traballo e manter e potenciar o acto máis emblemático que ó longo do ano se leva a cabo en Chantada: o Folión de Carros. Como proba, a celebración das segundas xornadas que, sobre etnografía e patrimonio na Ribeira Sacra, se levaron a cabo no pasado mes de xullo, coa participación cun importante número de persoas de prestixio e sobradamente coñecedoras non só do Folión, senón de diferentes aspectos da etnografía, cultura e patrimonio destas terras chantadesas.

Ceñíndonos ó Folión, por tratarse dunha ancestral tradición popular, quixera suliñar que non se pode determinar a orixe do noso Folión coa gratuidade que en ocasións se ten feito. As representación gremiais que na Idade Media se organizaban a víspera da festa grande do pobo son unha referencia próxima que obra no coñecemento de todos. Pero é obvio que non se pode desvencella-los foliós, coas súas fogueiras, fachizos de palla, piñas ou caxigos untados de grasa, dos primitivos ritos mitolóxicos e manifestacións festeiras, relación na que noutras dimensións se ocuparon estudosos como Risco ou Vasconcelos.

Encol da autenticidade do “Folión de Chantada”, cómpre dicir que se conserva coa plenitude de tódolos tempos; hai que ter en conta que así o seu fondo como a súa forma non arrinca dunha época determinada, senón que se deben á expresión diacrónica do sentir, do pensar e do falar do pobo.

No seu aspecto máis externo, coidamos que o enriquecemento acadado no marco ambiental compensa o desprazamento do simple chedeiro do carro, sobor do que aquel non podería alpeirarse nin arranxar con ese museo rodado que cada carro presenta, pezas que, hai que dicilo de camiño, están a perderse en canto non se recollan onde se valoren na medida que cómpre. Mención especial as xugadas de bois e vacas, algunhas do país, cada vez máis escasas pola mecanización do agro dende a década dos anos setenta do pasado século. Algunhas aínda soen aparecer engalanadas con colchas de tear e molidas de coiro de can, de teixo ou de raposo, diante das que xa case que non se ve o carreteiro ataviado coa coroza de xunco, que xa prácticamente non se fan.

O actual Folión, pois, segue sendo unha exhibición das nosas máis arraigadas enxebranzas nos seus variados aspectos, no que se reviven as manifestacións folklóricas e etnográficas de tódolos tempos do xeito máis fiel que permiten os datos. E se aparecen motivacións non usadas, quizais noutras épocas, tales como a emigración ou o paro, cómpre dicir que a mensaxe do Folión é vario e que, desgraciadamente, tamén a emigración e o paro forman parte da nosa anterga tradición.

De momento o meu desexo é que viva ao Folión e disfruten das festas.
Rodríguez Porto, Ramón
Rodríguez Porto, Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES