Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Galicia mansa e a patada no caldeiro

viernes, 24 de agosto de 2018
Estimada -polo tempo que hai que formas parte da miña cotidianidade radiofónica, case che debería dicir, benquerida- Julia Otero:

Con motivo da túa presencia estival pola terra monfortina dos teus pais, a cal tamén lle chamas túa, leo unha entrevista na rede que me chama a atención polo seu titular e que me provoca escribirche esta sorte de carta aberta.

Pregúntache o -ou a- entrevistadora se te sentes galega, catalá ou as dúas cousas ó mesmo tempo e contestas que es galega polos catro costados, facendo a precisión intencionada de que es barcelonesa dende os tres anos, cousa que loxicamente te honra, non en van os emigrantes de primeira e segunda xeración viven co estigma de se sentiren de terra de ningures ata que se lles abre a luz e se decatan de que no fondo constitúe un privilexio sumamente enriquecedor ter, non unha se non dúas matrias de acollida.

Logo falas de sentimentos máis de aldea, que non me interesan tanto, non vaias pensar que é porque non me interesan as cousas de aldea -que si, e moito- se non porque forman parte da túa patria pequena monfortina.

Irei, polo tanto ó miolo da cuestión e aínda que escribo coa prudencia da ausencia de literalidade que probablemente exista na transcripción da resposta, levoume a sentir un estado momentáneo de decepción o que transcenden cando che foi formulada a pregunta de que trazos -digamos antropolóxicos- admiras ou detestas dos teus dous pobos de acollida, o galego e o catalán.

"De Cataluña -dis- admiro o seu empuxe, a súa ambición como territorio, a súa capacidade de transmitir de xeración en xeración o amor e apego polas tradicións e a cultura propias, contra vento e marea", mentres que dos galegos aseguras admirar "a súa retranca e a súa forma de xestionar a fatalidade e a capacidade de procurar a vida en calquera recuncho do planeta", deixando de contado un resumo de titular que certamente espanta: "Cataluña é sempre reivindicativa; Galicia é, como dicía Castelao, mansa".

¡Viva España!, que diría o recalcitrante castizo. E non tanto polo que dis, senón polo contexto socio-político no que o dis, no que practicamente todos -e cando digo todos, refírome á globalidade do xénero e da localización xeográfica- os que vivimos no resto deste Estado das Autonomías cada vez máis invertebrado e indefinido, levamos tempo sobresaturados por ese carácter, para ti tan positivo, dun pobo que se di de seu reivindicativo ata límites tan insoportables que converterían a Santo Tomás nun ser completamente arroutado.

Dáme pois -benquerida Julia- para min, un pobo de chuvia mansa coma o galego e quédate para sempre ti con esa parte do pobo catalán que tanto valoras, ata que un día lle dea de vez a patada ó caldeiro e vos esparrame o leite por esas corredoiras que tan ben saben adornar con lazos amarelos.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES