Superman é gilipollas
Santalla, Iago - miércoles, 22 de agosto de 2018
Ocórreseme esta semana reflexionar sobre o superheroes, ficticios ou non e o dano que fan na sociedade. Evidentemente, non me refiro á historia en si de superman senón a todos eses modelos sociais que os medios de comunicación nos presentan como referentes cando realmente son como a lúa, ensínanos como moito a metade, ocultándonos aquilo que non lles convén ensinar.
Ao mellor esta ocultación non supón nin sequera un pecado venial pero si supón descubrirse como ser humano e igualarse ao resto dos mortais.
Cavilando en todo isto, dei en escoitar como tantas veces a canción do gran Quintin Cabrera Los reyes son los padres. Canta razón garda do primeiro ao último verso
Canta falla fai desmitificar a realidade para abrir os ollos á consciencia crítica.
O problema como xa dixen non é superman nin tarzán nin Mickey, o problema vén cando facemos superheroes a xente de carne e oso que fai da súa vida un relato para adormecer conciencias; pero, ollo, eles tampouco teñen a culpa.
Simplemente, alimentan por que lles convén un caldo de cultivo creado por medios de comunicación serviles co poder. Este caldo resulta moi saboroso e lucrativo porque evita contrapoderes eficaces e capaces de sementar unha visión crítica na sociedade. Por iso, todo muda e eles permanecen. Por iso, ninguén se atreve a falar deste gran negocio de somníferos
Na canción desmiticadora do gran Quintín, podemos cavilar nos superheroes que nos presenta a nosa realidade e ver se o son de verdade ou teñen os pes de barro
Para iso, temos que atrevernos a pensar por nós mesmos e non ter medo ao que poidamos descubrir. Aínda que supoña baixar os mitos do altar para humanizalos nos erros que todos cometemos neste gran oficio de autodidactas que é vivir. Non se trata de desmitificar para devaluar a imaxe, senón para ser xusto coa persoa que non ten porque responder ao personaxe que nós nos creamos na cabeza.
Eu prefiro pensar que superman é gilipollas porque esconde nun caixón os seus erros e que os verdadeiros superheroes son os que saen cada día á rúa para construír, nos seus propios obxectivos vitais un mundo mellor.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora