Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O matiz de 'Cántigas e Agarimos'

miércoles, 22 de agosto de 2018
Como é ben sabido, a execución dunha partitura pode ter matices moi persoais, segundo quen a interprete ou dirixa a agrupación musical. Para os ouvidos de entendidos e melómanos a percepción desas orixinais singularidades interpretativas non pasan desapercibidas.

É moi ilustradora ao respecto a anécdota contada por Iglesias Vilarelle, aquel afamado director do Orfeón de Pontevedra no que cantaran Castelao e Bóveda. Celebrábase un certame de orfeóns e ao director parecéulle do caso dar antes un derradeiro repaso á obra de concurso. Formaron os orfeonistas o círculo máxico, e no seu centro, o director dándolle as costas á porta de entrada. Aos poucos compases un cantor cala, logo outro, e outro… Continúa a execución, cada vez máis desastrosa da obra, ata deixarse de escoitar a melodía.O director,que non daba creto, estaba desesperado. Pero que…pasa?,preguntóulles. Todos calan, Achégaselle un barítono e déitalle na orella: É que están aí os de Lugo, e veñen roubarnos o matiz.

“Cántigas e Agarimos” tamén tiña o seu matiz musical, que os diferenciaba dos demais, tanto para o coro como para o grupo de gaitas do que foron figuras senlleiras Basilio Carril e Xoán Bello Mallou, que dominaban o punteiro con peculiar mestria. Do seu bo facer quedou unha discografía marabillosa que se acrecenta agora coa edición dun novo disco – Corazón aberto- que paga a pena escoitar.

Pero a mais disto cómpre suliñar que “Cantigas e Agarimos” ten unha formidable colección de traxes tradicionais dos usados en distintas comarcas do país.

Engádaselle a ese patrimonio o arquivo de partituras que é un fermoso tesouro musical do cancioneiro popular galego no que tanto empeño puxeran na súa recuperación Marcial del Adalid, Casto Sampedro ou Jesús Bal y Gay.

Foron moito o directores que tivo nestes últimos noventa e sete anos, desde que o fundaran en 1921 as Irmandades da Fala; moi reputados todos, por certo.
Actualmente diríxeo coa sensebilidade que o caracteriza Xaquín Xesteira Losada, un excelso coñecedor da nosa música tradicional e compositor de obras de rotunda ortodoxia. A súa chegada á dirección de “Cantigas e Agarimos” supuxo un revulsivo de inmellorable calidade ateigada de matices propios que lle confiren á agrupación un sesgo orixinal moi do gusto dos amantes da nosa música popular. Velaí esa novidades de participaren en concertos conxuntos con bandas de música e o grupo “Treixadura”, dando lugar esta fusión a espectaculares interpretacións.

“Cántigas e Agarimos” e Real Toxos e Flores de Ferrol, tamén fundado polas Irmandades da Fala, son as agrupacións máis antigas de Galicias. Durante moitos anos pasaron por épocas de marxinación polas autoridades franquistas que destrozaron o noso acervo musical creando a Sección Femenina e Educación e Descanso, esperpénticas agrupacións alternativas que fixeron un uso noxento da nosa tradición musical. Cando chegou a perniciosa moda das orquestras cos seus repertorios estranxeirizantes e postas en escena chocalleiras, as comisións de festas botaron literalmente dos palques dos torreiros a gaiteiros e bandas de música. Malia ese andazo de autoodio, “Cantigas e Agarimos”, aguantou o embate.

Co gallo da celebración do 95º aniversario da súa creación, a Fundación Lois Peña Novo propúxolle á Comisión de Honras do Concello de Santiago, presidida polo concelleiro Manuel Dios Diz, a concesión da Medalla de Ouro, que recentemente o pleno da Corporación Municipal aprobou, facendo así xustiza cunha agrupación folclórica que durante a longa noite de pedra foi o acubillo en Compostela para cantos quixeron buscar as raíces da nosa tradición musical, e de moito máis; porque nos locais da rúa da Algalía cocéuse moito máis que música.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador)
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania