Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ceibe e rinchando vou!

jueves, 16 de agosto de 2018
Soños verdeais de xestas e toxos son os meus. Alá nos fondos da regueira ou nos cumios do Cádavo ou da Conla. Responsábel son de todos eles, das miñas bestas e dos bichos meus, parentes grandes ou cativos da miña tranquila ou inqueda grea. Contra mandas de lobos ou mesmo fronte ó solitario caimán sobre o que son quen de bailar unha heterodoxa muiñeira sen saírme de enriba das súas costas blindadas. Ou é que non vistes aínda o vídeo que me fixo hai pouco un de vós, queridos humanos, cando me deu por alí para abraio voso? Pensabades que non teño boas entrañas e que non sei defender os meus contra ameazantes perigos? Preferiría morrer coa limpa dentada dun monstro deses a que algúns dos meus ficasen malferidos.

Os griñóns do monte formamos sempre familias numerosas. Temos que traballar e vixiar a cotío para que os nosos problemas acaden sempre axeitada solución. O primeiro que precisamos é ter ó noso dispor un humilde regueiro de auga e tenros xermolos de toxo ou herba montesía. Pouco máis necesitamos. Contentámonos ben co que temos, pois o monte, esa señorial casa nosa, évos amplo e xeneroso.

Ás veces -non sabemos por que- semella que un anaco ardente do sol caeu entre nós e temos que fuxir mentres ondas de lume e fume nos apurran e enlouquecen queimándonos a nosa casa. Évos unha anguria moi grande! Temos porén as nosas dúbidas de se iso vén de arriba, desa redonda e flamexante lumarada que se ve de día no alto dos ceos, porque a verdade é que ela nos trata ben e nos dá calor ó longo de case todo o ano e só cando a chuvia e os nubeiros a barren do ceo póñense as cousas peor.

Saberédelo quizais vós, cantos nos acompañades nesa enxebre excursión que xuntos facemos tódolos anos ata o curro, pois ben listos semellades ser ó vermos cos nosos propios ollos as cousas tan grandes e fermosas que facedes. Alá no curro entramos e remansámonos o mellor que podemos, á maneira das encrespadas ondas mariñas que van deitarse na branca praia do mar. Ese mar que nalgúns días propicios podemos tamén nós mesmos albiscar desde os altos penedos da montaña.

Redondo é o ceo, o mar e mailo curro. Semella ser así tamén o ciclo das vidas todas. Como cíclicas son así mesmo as nosas visitas a Sabucedo. Algún que outro susto si que o pasamos alá no curro, máis que nada porque nós, os cabalos, perdemos doadamente de vista as bestas e bichiños da nosa propia grea e non sabemos moi ben por onde andan. Mais sabemos que isto non dura moito e que as cousas volverán axiña ó seu, porque memoria si que temos, e bastante boa, das cousas que nos pasan.

Hai momentos en que nos enfrontamos os griñóns mutuamente no curro, coa teima de acadarmos alí se for posíbel os nosos propios espazos protectores. Mais o que se di querérmonos mal entre nós, non é certo. Tentamos sempre sermos comprensivos cos demais. Só queremos que a nosa natureza e os nosos herdados costumes se manteñan. Pois grazas ó noso mutuo achegamento e tamén á coidada e harmoniosa distancia poderemos inzar todos ben.

Máis dunha vez, nalgunha desas xuntanzas secretas que os cabalos organizamos, nun horizonte infindo de soidade montesía e ouveos silandeiros moi distantes, xurdiu a cuestión de por que ós humanos semellaba compracervos tanto, aínda que só sexa unha vez ó ano, ollarnos a nós con repousada curiosidade e afecto na aldea nosa e vosa, esa pequena parroquia de Sabucedo de tantas xeracións e míticas historias. Algúns dos máis sisudos entre nós comentaban, na nosa recóndita e intraducíbel fala, que moi posibelmente fostes os humanos en tempos pasados tan ceibes e amorosos coma nós. Quereriades vervos entón, xa que logo, os humanos a vós mesmos en nós coma nun espello, atoparvos calmosamente con vós mesmos ó ollarnos a nós. Esquecervos de nós viría ser en definitiva como esquecervos de vós mesmos, da vosa propia natureza e historia, a humana, do propio remoto pasado que pula con forza por se facer presente en cada novo anaco dese porvir que paseniñamente se vai destapando. Pois quen se esquece de si mesmo, quen perde a súa orixe, deixou xa de saber onde vén ou onde vai... Convértese dese xeito en estatua de sal, en esqueleto sen vida e sen alento.

Nós, en troques, ben o sabemos nós e ben o sabedes tamén os humanos sobre nós, somos os fillos e as fillas do vento, é dicir, da vida, da liberdade e do sermos nós mesmos. Recibimos o galano e a bandeira da liberdade e espallámola ós catro ventos. Somos airosos por iso na nosa estampa, no noso andar e no noso galopar.

Non. Non cremos que os vosos barís aloitadores e aloitadoras tenten coutarnos a nós a nosa innata liberdade ou someternos a eles. Para iso terían que aniquilarnos, cousa que nin eles nin nós queremos. Teiman máis ben, polo contrario, en apertada conxunción con nós, e coma se dunha mística osmose se tratase, aprender fondamente do noso modo de ser. Desexan zugar con degoro -un chisco alomenos- a nosa exemplar liberdade e a nosa indómita protesta contra calquera intento de a destruír. Xermolos de liberdade son os que xorden deste ritual e íntimo encontro entre eles e nós. Enxertos de liberdade que poden ben prender entre vós, os humanos, porque a lembranza da liberdade perdida está, agachada ou latexante, sempre presente tamén en vós. Ben nos decatamos por iso de que esa debe ser a razón pola que na vosa relación connosco non empregades nin cordas, nin paus nin intermediarios semellantes. Tal modo de proceder rompería con esa orixinal práctica da aloita corpo a corpo -próxima, achegada e creadora- que ben soubestes herdar dos vosos devanceiros. Mantédea así.

E abonda xa de falarvos a vós, os humanos, porque ben sabedes que o falar non vos é cousa nosa e o pouco que sabemos aprendémolo desa fermosa lingua vosa que levades na fronte e nos beizos. O noso é o rinchar, ese berro limpo e salvaxe, de liberdade para nós e para vós. Un berro tamén de ledicia, de firme apertura ó porvir. E como ese berro noso semella ser parente moi próximo do voso aturuxo, facemos desde agora tamén noso o voso berro ancestral. Huiiiiiiiii .... ghi ghi ghi ghi...!!!!

[Publicado en “ADN Sabucedo”, Anuario da Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo, Edición 2, 2018, páxs. 32-34].
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES