Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Así como todo cambia, que eu cambie non é extraño

jueves, 16 de agosto de 2018
Queridos amigos e amigas de MANDIÁ E MARMANCÓN:

En grego clásico,“panta rei”,(Πάνταῥεῖ), quer dicir: "todo flúe", “todo cambia”. Este é un concepto atribuído por Platón ao filósofo presocrático Heráclito. E expresa a súa opinión de que todo está en cambio continuamente.

Neste mes de agosto tiven a oportunidade de visitar dous lugares da miña infancia. A un deles nunca volvera. Ao chegar, todo mudara. Estaba todo tan distinto que non conseguía recoñecer nada do que me foi tan familiar. É todo unha selva. Emocioneime e sentín mágoa.

O outro lugar é a casa onde nacín e as súas contornas. Alí vive a miña familia. A realidade de hoxe parécese ben pouco á imaxe que está na miña memoria infantil. Pero non me resulta estraño porque a cotío fun vendo a súa evolución paulatina no tempo. Podo dicir que fomos medrando e cambiando xuntos. Foron dúas experiencias persoais que me fixeron pensar.

Nas parroquias de Mandiá e Marmancón vai haber un cambio ben profundo. Como tales parroquias, refírome ao ámbito relixioso, van ser integradas nunha unidade territorial superior: A UNIDADE DE ACCIÓN PASTORAL(UPA) DA ZONA RURAL DE FERROL. Isto xa se fixo hai tempo no ensino coa concentración nos novos Grupos Escolares ou mesmo na sanidade cos Centros de Atención Primaria de Saúde e os PAC. É un signo dos tempos.

Agora, no eido eclesiástico católico, estase a facer tamén algo parecido en todas as dioceses españolas aínda que con características distintas. Estamos nun período de transición-adaptación dentro dun proceso de cambio profundo.

A Unidade Pastoral estará coordinada por un sacerdote cun Consello Pastoral composto por membros de cada freguesía actual. E aí terá presenza activa quen teña vida real e efectiva. De non ser así en pouco tempo iremos vendo como as nosas tan queridas parroquias, sobre todo as máis pequenas e rurais, perderémonos no esquecemento xunto con todo o que cada unha significou no tempo. E están os nosos Cemiterios Parroquiais para nós tan entrañabelmente respectados, queridos e coidados.

Neste curso que vén, de setembro a xuño, na nosa Parroquia de Mandiá iremos alternando as misas dominicais, presididas polo sacerdote, con outras celebracións da Palabra de Deus no domingo, guiadas por unha equipa de segrares da parroquia que xa o veñen facendo parcialmente desde hai tempo. Vai ser unha experiencia coidada e gozosa e traerá consigo unha grande esperanza de futuro se somos serios e fieis no compromiso persoal e de comunidades.

Trátase de vivir ou morrer como comunidade parroquial. Se agora non damos este paso adiante esmoreceremos. Perderemos vitalidade persoal e comunitaria. A nosa espiritualidade e vida de fe irán deixando lugar a un baleiro anódino, rutineiro, superficial e falto de fondura.

Que nos doen os cambios? Si. Sobre todo porque estabamos máis cómodos así:Xa o cura facía todo. Por iso,sendo milenariamente tan nosa, temos unha igrexa tan pasiva.

Permitídeme que vos recorde estes versos cantados pola benquerida Mercedes Sosa: «Cambia lo superficial.Cambia también lo profundo.Cambia el modo de pensar.Cambia todo en este mundo.Lo que cambió ayer tendrá que cambiar mañana.Cambia el caminante el rumbo aunque esto le cause daño.Y así como todo cambia que yo cambie no es extraño.Cambia el pelaje la fiera.Cambia el cabello el anciano.Pero no cambia mi amor, por más lejos que me encuentre, ni el recuerdo ni el dolor, de mi pueblo y de mi gente».

Estou entrando niso que se chama a cuarta idade. Teño 81 anos e o meu modo de servir de aquí en diante precisa de actualizarse. O próximo curso eu estarei indo e vindo de vez en cando. Estou matriculado nun Curso de Actualización Teolóxico-Pastoral da Universidade de Salamanca na sección que ten en Madrid. Pero seguiremos axudándonos entre todos.

Antes de irme teremos unha ASEMBLEA PARROQUIAL na nosa Igrexa. Levamos vintedous anos entendéndonos ben. Por un máis, non nos imos fallar uns aos outros. Non si?

Unha aperta afectuosa do voso Cura.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES