A bebeteca de Betanzos
Editorial - martes, 23 de octubre de 2007
Imos celebrar en todo o mundo o Día das Bibliotecas, como xornada de exaltación destes centros nos que se rende culto ó libro en tódalas súas formas e contidos, como lugar santo onde o libro reina.
Hai bibliotecas xerais e especializadas, escolares ou de centros culturais, innúmeras bibliotecas das que sen dúbida unha das máis orixinais será a que o concello de Betanzos vai abrir para os nenos da guardería, entre dous e tres anos, que levará o nome de Bebeteca como corresponde ós seus destinatarios.
Sabido é que terán que ser libros moi especiais, con materiais resistentes que os nenos poidan levar á bañeira ou meter na boca, que poidan ser levados para a casa, que vaian introducindo a estes aínda non lectores ó mundo infinito que os agarda e no que irán entrando a medida que vaian medrando física e intelectualmente.
Pode parecer unha anécdota, pero non o é. Que os nenos se afagan ós libros desde pequenos é a garantía de que serán moito máis sociables, moito máis cultos, moito máis abertos
A letra non entrará nunca máis con sangue, nin do alumno nin do mestre.
Hai que soñar que nun mundo próximo, cando este exemplo prolifere, non haberá agresións a mestres como ven de ocorrer en Málaga, e os alumnos terán máis liberdade, máis cultura, máis visión do universo, porque os libros non fan máis que ensanchar continuamente a nosa capacidade de percepción.
A cidade de Betanzos, unha das capitais do antigo Reino de Galicia, ten un motivo máis de relevancia, motivo de orgullo: A primeira bebeteca de Galicia.
Que o exemplo prolifere, e que nós o vexamos. E que Internet siga medrando para ser a maior biblioteca do mundo, e para todo o mundo.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora