Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Honras a Ramón Castromil

viernes, 10 de agosto de 2018
O pleno do Concello de Santiago vén de aprobar unha proposta da comisión de honras que preside o amigo Manuel Dios Diz do grupo municipal de Compostela Aberta, pola que se lles retiran as distincións outorgadas durante a ditadura a nove ministros de Franco, nomeando, ao tempo, fillos predilectos a título póstumo a Federico García Lorca e a Ánxel Casal, alcalde republicano “paseado” en agosto de 1936. Pero tamén distingue coas mesmas honras a outros cidadáns, entre eles a Ramón Castromil Ventureira, a proposta do Foro E. Peinador.

Asemade, concédelle a medalla de ouro da cidade á agrupación folclórica Cantigas e Agarimos a instancias da Fundación L. Peña Novo.

En próxima colaboración comentaremos os méritos da agrupación folclórica. Hoxe ímonos referir aos de Ramón Castromil. O Foro E. Peinador argumentaba a súa proposta sinalando a importancia que tivo aquela empresa de transporte público na vertebración de Galicia. A numerosa frota de autobuses, renovada periódicamente con novos e confortables modelos, ofrecía a particularidade da puntualidade, pouco común nos coches de liñas tradicionais. Mais isto só non abondaría para ser merecente Ramón Castromil, compostelán de nacencia, de tal distinción.

Como todo feito histórico ten a súa intrahistoria, vou relatar como Ramón Castromil galeguizou a empresa familiar. Iso aconteceu a comezo da década dos anos noventa. Fíxose, ademais, en tan curto período de tempo que mesmo foi excepcional pola súa celeridade. Velaqui o relato. Andabamos na Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia preocupados por extendermos a normalización lingüística a outros ámbitos da sociedade cando un bo día, despois de debatermos esas posibles opcións, decidimos recuperar o elo perdido da historia da galeguización empresarial. Tal foi o caso da conserveira Massó, que no ano 1934 rotulara as súas instalacións con letreiros no noso idioma; ou o exemplo dos Laboratorios Zeltia, adiantados na publicidade en galego coa edición do Alamanaque Agrícola ZZ por mor do filantrópico galeguista Antonio Fernández López, émulo de Xesús Canabal, dono da industria papeleira máis importante da Latinoamérica –IPUSA- e fundador do Banco de Galicia, sempre disposto a apoiar a cultura galega no exilio. Aquí, en Galicia, o exemplo de galeguismo empresarial con proxección internacional protagonizábao Isaac Díaz Pardo, dirixindo as cerámicas do Castro e Sargadelos.

Tiñamos precedentes de galeguización empresarial e agora compría darmos o salto cualitativo. Movidos por ese afán convidamos a un xantar a Ramón Castromil para falarlle dos antecedentes históricos e do proxecto para a súa empresa. Despois dun xantar, cunha demorada sobremesa na que estivo atento ás nosas propostas, déunos a arelada resposta: “Nunca ninguén me propuxo nada semellante; podemos empezar mañá a traballar no plan”.

Aquel día abréuselle un novo escenario á lingua galega que foi sobre rodas; nunca mellor dito. En seis meses a empresa Castromil convertírase no exemplo de galeguización empresarial que recibíu os parabéns da sociedade galega.

Rotuláronse os autobuses con nomes de personaxes das nosas letras e historia de Galicia; editaronse os “Contos do Castromil”, escritos para a ocasión por trinta e tres autores, que recibían os usuarios do transporte co billete no noso idioma. Os monitores de televisión dos autobuses reproducían documentais sobre o noso patrimonio, e os sons da música galega reemprazaron as distintas emisións radiofónicas que tanto molestaban aos viaxeiros por mor da división das tendencias ideolóxicas. O convenio colectivo da empresa redatouse en galego coa inclusión dunha cláusula que recoñecía os dereitos lingüísticos dos traballadores e usuarios, que nunca tan identificados estiveran coa dirección da empresa.

Pasados os anos podemos afirmar que o “modelo Castromil”, como adoitabamos chamalo, ía abrir un novo e inédito período histórico, derrubando o argumentario dos prexuizos lingüísticos, que moitos empresarios secundaron. Desde entón para acó o conto cambiou moito, e para ben. Non na medida que a algúns nos gustaría, pero máis do que podíamos imaxinar. Velaí porque o Foro E. Peinador considerou de xustiza que o Concello de Santiago nomease Fillo Predilecto a un compostelán con vocación galeguista. Moito nos agradaría que o día da entrega dos atributos que lle confiren tal honra sexa aproveitado polo goberno municipal para facer maxisterio galeguizador no tecido empresarial . Ali estaremos para apoiar.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador)
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania