Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A escola habaneira de Santa Baia

lunes, 22 de octubre de 2007
A escola habaneira de Santa Baia Foron moitas as escolas construídas polos habaneiros no partido de Vilalba, o mesmo que no de Viveiro e toda a Mariña lucense. Sen sair do concello vilalbés temos aínda en pé a de Tardade e Distriz, por exemplo, á beira da estrada que leva a Betanzos vía Momán, ou a de Lanzós. Unha delas, que aínda mantén reflexos do seu esplendor, mais reconvertida a outros usos, atópase na parroquia vilalbesa de Santa Baia á man dereita da estrada que vai a Viveiro.

San Pedro de Santaballa, Santabaia ou Santa Baia é o nome da freguesía. Como San Martiño de Lanzós é o doutra freguesía veciña. Mais os fregueses da primeira chámanlle “campo de San Martiño” ao seu campo da festa e os da segunda chámanlle “campo de San Pedro” ao seu. Desta contradición, curiosidade ou “lenda dos santos trocados” ocupáronse o vilalbés García Mato, o chairego por antonomasia Manuel María no seu delicioso “Cando o mar foi polo río” e, máis recentemente, a moza antropóloga Sabela Figueira.

A primeira vez que escoitei falar desta Santa Baia foi a finais dos anos setenta cando alternaba os estudos coa asistencia a algunhas feiras cuns parentes para sacar uns cartiños moi necesarios. Na feira das Pontes falouse que aos de Santa Baia lles tocara a lotería e, de feito, fora vendida en participacións na casa onde eu adoitaba comer. Un servidor non cría moito no dos xogos de azar (hoxe aínda son escéptico neste asunto) e non mercou nin desa nin doutra. Díxose que aos da casa de comidas tamén lles tocara un bo quiñón. De feito, non voltaron abrir o negocio e tiven que cambiar de casa de xantar. Xa non lembro se foi para mellor. Disque pola comarca vilalbesa comezaron a inzar os “Mercedes” aquela tempada. Eu non souben onde ficaba de certo Santa Baia até que dispuxen de “utilitario” -que non “Mercedes”- para desprazarme ao meu sabor polos camiños da nosa Terra e tentar cumprir minimamente aquel desexo expresado por Otero Pedrayo de coñecer todas e cada unha das parroquias do noso país.

A escola habaneira de Santa Baia é un fermoso local, perfectamente simétrico, cun corpo central coa entrada á que se accede por cinco escalóns e un balcón enriba coroado por un frontón. Consta de planta baixa e un andar, con amplos ventanais. Debía ser unha escola ben luminosa. Na actualidade funciona como centro sociocultural.

Unha gran praca rectangular en bronce, colocada na fachada da escola en 1929 por acordo directivo, dá noticia e lembra para a posteridade da constitución da “Liga Santaballesa” na Habana o día 7 de outubro de 1907, en Campanario 51, e os socios constituíntes nun total de cincoenta e tres, todos homes. Estanse a cumprir, pois, cen anos, desta entidade que quixo pular pola mellora do ensino e da educación na terra natal.

Formada por emigrantes dos arredores, non só da parroquia de Santa Baia, a sociedade conqueriu inaugurar a escola, fermosa e digna escola para a época, en 1916. Se os “pesos” ou a meirande parte deles viñan da Habana, os veciños colaboraron con man de obra, pedra e madeira. Era unha escola mixta, de nenos e nenas e tamén deu clases a adultos. O ensino era completamente gratuito, incluído o material e os libros. Nas aulas impartíanse nocións de Xeografía e Historia de Galicia e aínda que nos estatutos sociais (segundo Neira Vilas, quen os atopou na Habana hai anos) contemplábase o ensino da Gramática Galega, cousa novidosa, non chegou a implantarse por impedilo a xerarquía educativa da época. Semellaban avanzados estes emigrados da Liga Santaballesa, ou os seus asesores, e non parece que tiveran chisco de autoodio cara a lingua e o país. Sería que o espíritu de Curros, de Fontenla Leal e outros que dende A Habana daqueles anos fomentaban a Academia Galega, a bandeira, o himno e publicacións en galego, asentara nos dirixentes da Liga Santaballesa.

A entidade converteuse en 1953 en sociedade de beneficencia e protección mutua. Na actualidade, como a maioría das entidades emigrantes en Cuba apenas ten socios e actividade, mantendo un Panteón social que é o futuro máis próximo dos asociados, con idade avanzada. Hoxe, segundo limos nun xornal, está presidida por unha muller septuaxenaria, filla dun emigrante.

Non debeu haber moito laicismo nesta escola antes de 1936, xa que doutro xeito tería sido clausurada polo franquismo como ocorreu con outras. Unha das pracas da fachada, a da dereita, broncínea e con pretensións artísticas, é unha homenaxe ao que foi presidente de honor da xunta administrativa que funcionaba aquí, D. Domingo Pérez Ocampo (falecido en 1952, tal como alí consta), cun par de querubes sostendo un medallón co retrato dun crego co seu bonete. Sen dúbida, tratabase do crego da parroquia.

O que debeu ser un amplo espazo axardiñado ou dedicado a horta, e que hoxe apenas conta cunha fileira de tullas, adicado a aparcamento, ten na súa parte posterior o estadio do Club Deportivo Santaballés que cremos milita na 1ª división autonómica.

Estadio denominado “A Liga Santaballesa”, en claro homenaxe á sociedade de instrucción. O escudo do equipo de fútbol que campa na entrada ten o que semellan unhas ondas, que non sei se fan referencia a algún río ou á viciña charca do Alligal, aínda que esta xa pertence de cheo á parroquia de Codesido.

No local habaneiro ondean estes días de celebración as bandeiras de Galiza, Cuba e España e unha pancarta lembrando os cen anos da sociedade preside a fachada.

Exposicións fotográficas, conferencias (entre elas unha do profesor Villares, nativo dunha aldea próxima a Santabaia) e actos diversos veñen festexando dende hai varias semanas o centenario da Liga Santaballesa.

Parabéns aos de Santa Baia por este centenario e que conserven por moitos anos este local, que di moito da historia da parroquia e da comarca, ao servizo da cultura e da sociedade.
Torres Regueiro, Xesús
Torres Regueiro, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES