Baleiráronnos tamén en xeso pra se apropiaren de nós
Cabada Castro, Manuel - jueves, 09 de agosto de 2018
Na prensa galega, hai agora case xustamente un mes, publicouse un competente artigo que leva como título O Pórtico da Gloria: o que ocultan. Alúdese nel cara ó final ó feito -pouco quizais coñecido por cantos o visitan- de que o noso inmortal Pórtico, agora resplandecentemente renovado na súa antiga policromía, fora non hai moitos anos (hai só século e medio) sometido a un proceso de baleirado en xeso, co beneplácito das correspondentes autoridades eclesiásticas e coa finalidade de que os londinienses puidesen pregustar xa na súa terra dunha fiel copia da xoia artística do noso Mestre Mateo. Todo semella que ós responsables de tal acción non lles importaban demasiado os danos que con tal atentado artístico e cultural podían causar ó país, Galicia, no que tal incomparábel obra artística xurdira. Porque, como tamén se indica no mencionado artigo, reis de Galicia (non de Castela) foron tanto Fernando II coma Afonso VIII, impulsores e sustentadores da magna obra catedralicia. Cultura e lingua galegas eran as súas. Non podemos esquecer que nestes séculos medievais a nosa cultura e a nosa lingua eran algo totalmente normalizado a tódolos niveis, tanto popular como aristocrático.
Por algo ámbolos dous reis quixeron recibir sepultura á beira mesmo da catedral compostelá, no Panteón Real, e alí xacen eles como mudos vixiantes da autenticidade do seu grandioso legado á súa terra galega. Aquela da que nós continuamos a formar parte moitos séculos despois.
Pois ben, isto que aquí me limito só a lembrar é tamén significativo síntoma dun acontecemento de longo alcance que pesa aínda sobre nós desde non moito tempo despois do soterramento destes memorábeis reis galegos. Ó longo dos séculos posteriores -que ben tamén podemos chamar por iso escuros- o resplandor da nosa pasada gloria viuse sometido, por parte de intereses mercantís e políticos alleos, a un verdadeiro baleirado cultural e lingüístico do noso propio sermos galegos. Teimaron arrebatarnos así as cores vivas da nosa existencia comunal e patria e o sorriso alegre do bíblico Daniel, no que se reflicte toda a felicidade dun pobo contento consigo mesmo e aberto esperanzadamente ó futuro. Esa era a gloria do noso glorioso pasado medieval da que alleos a nós intentaron apropiarse pra póla ó seu servizo. Resistírmonos a tal intento é hoxe un deber de todos, sabendo que só nós poderemos acadar que o nosa terra sexa verdadeiramente nosa, tal como quería outro Daniel, tamén noso, o de Rianxo.

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora