Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O mellor día de todo o ano

lunes, 06 de agosto de 2018
O mellor da de todo o ano Xa teño dito máis dunha vez que os Recunchos adoito escribilos ós venres ou ós sábados. Cando os escribo gárdoos nun arquivo ó que lle poño a data da súa publicación, no de hoxe, o 06-08-2018. Xa pensara na primeira frase para falar da pasada vaga de calor, e foi xusto cando datei o arquivo que caín na conta do día que é, polo que alá foi para a inexistencia o futuro Recuncho sobre o inferno destes días pasados. O día de hoxe é o 6 de agosto. Para un molgués non é un día normal. Para un molgués é o mellor día de todo o ano. Incluso máis que o día 8 de setembro, o día da Virxe dos Milagres, que xa é dicir. O 6 de agosto, todos os 6 de agosto é San Salvador, o Patrón de Baños de Molgas. O día grande da Venecia ourensá. Aí é nada.

Non obstante, o peor de todo isto, é que, hoxe, este paisa, un servidor de vostedes, non está no día grande de Baños de Molgas. Desde que souben que non podía estar, recoñezo que cheguei a sentir certa inquietude. Non me imaxinaba eu sen a miña procesión polas rúas da miña vila e sen poder levar sobre os meus ombreiros a ese Santo que... que queredes que vos diga, a maiores de Patrón de Baños de Molgas, era un auténtico veciño. A súa casa pegadiña á miña. Toda unha vida. E cunha nai de rosario diario, que, de neno, dereitiño como unha vela a pregar polas almas do Purgatorio ou incluso ata polas dos espíritos malignos. A miña nai era así. E o Patrón de Baños de Molgas estaba alí, co acio das uvas colgadas da súa man e mirando para nós.

Desde a Patria Querida, desde Asturias, espero ó San Salvador ante a fonte da Aira de Arriba, póñome á súa esquerda e baixo con el pola Calle. Axiña intercambio unha das andas co veciño que a leva sobre o seu ombreiro. Ós cachos boto unhas olladas para o Santo e vexo ese acio de uvas que baila ó son dos nosos pasos. Percorremos a Carretera e pásolle a anda a calquera outro veciño ou veciña. Ó mellor ata teño sorte de apousentar de novo unha delas (ou a mesma) sobre o meu ombro dereito. Non son de misas nin, agora mesmo, de moita relixión, pero ó momento xa estou pensando na do ano que vén. E a ver se na do 2019 si podo estar. Como estea, a procesión do meu San Salvador non a perdoo. Este ano non puido ser. Pero creo que acabo de demostrar que a realicei igual.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES