Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ourensanía e galeguismo

viernes, 03 de agosto de 2018
Falaba esoutro día o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez -con retranca da de non mancar venial-, do "pecado orixinal" co que nacían tódolos galegos que non nacían en Ourense. Entre eles, el, evidentemente, que como moita xente sabe, é natural de Lalín.

Viña, o retrouso, a tino, no contexto da festa da palabra que cada ano polo terceiro sábado de xullo transforma o predio montés da Esgeva -nas terras do Carballiño-, nun auténtico xardín das artes, onde a natureza vai da man da escultura, da música e da palabra transformada en literatura, para celebrarmos en comandita parroquiana o orgullo de sermos dun lugar e dunha terra con fondas raíces de noso, como teñen os carballos que nos dan sombra, pero abertos literalmente ó mundo.

Dixo tal o conselleiro, referíndose -repito, con retranca feirante dos de Lalín- a ese neoloxismo tan dado polas elites políticas e culturais galegas e mesmo por un bo fato de ourensáns, a ser tomado "a coña" (teño sido testemuña directa en máis dunha ocasión) e que ten sido definido, concretamente dende o ano 2005, como "ourensanía".

Tocoulle logo o turno ó presidente da Deputación, quen, facendo mención do devandito concepto creo que unha soa vez, retrucou por elevación, e tal e como nos ten acostumados nos últimos anos, dende ese foro da palabra que é a Insua dos Poetas, desenvolveu un discurso político-ideolóxico que me dá a min que debería ser de lectura obrigatoria para todos -e todas- cantos forman parte integrante da súa formación, non só no ámbito territorial da ourensanía, senón tamén nas outras tres provincias galegas .

Déronme pé a min, as dúas intervencións, para ir reflexionando, ó fío do seu desembeleño, arredor do propio concepto, do que o mesmo significaba cultural e socialmente, así como do importante que debería ser que, nesa encrucillada ideolóxica na que se atopa o seu partido, deixasen de ollalo -digamos- por riba do ombreiro ou como quen olla a superficie calma do mar sen pararen a pensar que a nada que un se mergulle nel existe un mundo vivaz certamente sorprendente.

Porque o mar ten sido calmo nas últimas décadas -agás no paréntese do bipartito-, non ten sentido a necesidade, o Partido Popular, de afondar no debate ideolóxico sobre o galeguismo, polo que, con ter escrito nos seus estatutos algunha referencia a este sentimento e poñerlle o sambenito final de "de Galicia", tenlle abondado para afirmar por activa e por pasiva que representan á maioría social galega.

Ora ben, que non teña sentido esa necesidade, non quere dicir que non a vaia precisar no futuro. Se cadra denantes do que pensa.

Pois ben, velaí onde comezarán a xogar un papel principal os principios da ourensanía. Ou o que ven a ser o mesmo, os principios do galeguismo real. Porque o PP de Galicia sen galeguismo, simplemente non será. E para velo claro non teñen máis ca ollar á fronte e contemplar a santa compaña na que penan polas congostras os seus colegas vascos e cataláns.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES