Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O toque Casal

sábado, 04 de agosto de 2018
O tempo é un xuíz literario implacable. Por veces acontece que un libro que xorde na escena cultural nun determinado momento é valorado nun sentido que non se corresponde cos seus méritos e só co pasar dos anos esa percepción muda e se recalibra. Noutras ocasións ese primeiro xuízo confírmase tempo despois, o que valida a intuición certa desa valoración inicial. Isto último é o que experimentei coa relectura de Saturno tamén é deus, o volume de contos de Uxía Casal que saudei positivamente hai agora vinte anos e que volve publicarse revisado e aumentado.

Cando en 1998 apareceran publicados os relatos de Casal salientara xa algúns elementos significativos tanto no temático coma no estilístico que coido seguen a ter plena validez para a comprensión do seu territorio narrativo: a omnipresenza do reino de Hades e da morte como fin presentida ou sino irrenunciable que asexa tras cada pequeno suceso; a estrutura circular do libro, onde o primeiro relato (“Accidente”) enlaza a súa trama co derradeiro (“¿Por que non queren escoitarme?”) a modo de continuum narrativo, ciclo ou espiral de eterno retorno diexético; a crueza do azar tráxico no que se ven inmersos non poucos dos personaxes destas historias; e, sobre O toque Casaltodo o extremo neboento, o territorio inexplorado do Alén que agarda por nós en cada relanzo destas páxinas, por veces de gore insinuado e flashes tremendistas e sempre espello dun fluír vital que non se explica sen a morte, fronteira derradeira que pode chegar a nós en circunstancias perfectamente absurdas, absolutamente truculentas e rematadamente imprevisibles.

Recunco hoxe, dúas décadas despois, nesa favorable consideración de 'Saturno tamén é deus' como obra de intrigas ben labradas e relatos que incorporan e reversionan moito da mellor tradición contística de supense galega e internacional, dende Dieste a Poe, de Fole a Lovecraft, con acenos tamén ben visibles ao cinema deste xénero (velaí un relato tan hitchcokiano como “Gaivotas no interior”).

O terror psicolóxico e o pavor monstruoso e letal que nimba as historias deste libro comparece igualmente en “O pequeno Mario”, o conto que engade como novidade esta nova edición do libro de Casal, no seu día editado por Galaxia e agora impreso baixo o selo da división Alcaián de Urco Editora.

Formulei hai dúas décadas un desexo para este Saturno tamén é deus: que os ventos do cosmos literario lle fosen favorables como manual de apocalipses e desconcertos varios, viaxeiro cometa ao que cumpriría vixiar en futuras rotacións. Idéntico favorable augurio quero expresar nesta ocasión, convencido de que a escrita de Uxía Casal resiste e mesmo mellora co pasar dos anos e que hai nela unha voz de interese merecente de coñecerse e recoñecerse. Oxalá os auspicios nos traian esa alegría, pois o ‘touch’ da demiurga Casal tamén ten o seu aquel divino.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES