Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non se fala dos incendios forestais (porque non os hai)

martes, 31 de julio de 2018
O tema dos incendios forestais preocupa fortemente en Galicia, pero só notamos esa preocupación cando se producen lumes. Nesta chuviosa primavera, e este verán que non acaba de callar, o tema non aparece nos comentarios, nin nas primeiras páxinas dos xornais, nas reportaxes televisivas ou nos medios en internet. E, sen embargo, agora é cando temos que preocuparnos, prepararnos, para evitar acontecementos extraordinarios como a vaga de lumes do pasado outubro, ou as traxedias tremendas do ano pasado en Portugal, e estes días nos arredores de Atenas.

As lamentacións posteriores, valen de pouco. Por iso congratula saber que a loita que se segue contra dos incendios, a priori, mediante a prevención, parece feita con xeito e sentidiño, aínda que algúns aspectos poidan afectar a intereses particulares que deben supeditarse ao interés xeral do país.
Non se fala dos incendios forestais (porque non os hai)
Aumentar de trinta a cincuenta metros a distancia de árbores de fácil combustión en lugares de maior risco; a prohibición de plantar acacias a menos de cincuenta metros dos edificios ou que eucaliptos e pinos deban manter entre si distancias de dez metros; a xestión da biomasa nas vivendas ailladas; a retirada das árbores que máis arden de preeto das instalacións eléctricas ou de telecomunicacións; a limpeza dos terreos non debidamente xestionados pola administración, e a actuación en montes veciñais en man común abandonados ou non explotados, non son máis ca medidas precisas para ordenar a situación do monte nunha terra coma a nosa cun especial vigor da natureza que hai que controlar no posible.

Este é o aspecto máis difícil do traballo porque é un investimento a futuro, cando aínda non estamos doídos polos danos, cando ninguén se preocupa polo lume; cando, precisamente, é cando se deben facer os maiores esforzos.


Sensibilización / educación / prevención

Esencial nos parece a información para maiores e nenos co fin de erradicar o concepto de que o monte non é de ninguén, senón que é de todos, e a todos nos compete alomenos respéctalo e conservalo.

Neste ano están previstas 324 charlas e actividades divulgativas nas que van participar 17.000 alumnos de centros escolares de toda Galicia. Este é o mellor exemplo do que temos que facer en relación coa protección dos montes: crear un ambiente favorable ao seu respecto e valorización, con atención especial aos nenos que mesmo serán os encargados de mentalizar logo aos seus maiores.

A vixilancia dos montes ten que ter un poderoso efecto disuasivo e ese case medio cento de cámaras, que son outros tantos ollos abertos ao que acontece no monte, permitirán non só unha pronta resposta senón -o que é máis importante- que os incendiarios o pensen dúas veces antes de tentar matar o monte.

E simultáneamente crear novos puntos para recoller auga para combatir o lume, abrir ou limpar cortalumes e mellorar as pistas para poder acceder aos montes. Investir nestes traballos tres millóns de euros como está facendo a Consellería do Medio Rural é infinitamente mellor que gastar dez veces máis en repoñer bens danados por incendios forestais.


Política forestal

Hai outros aspectos que nos din pouco aos profanos en planificación forestal, que son esenciais, e dos que nunca se fala cando sufrimos danos irreparables nun incendio forestal, dos que lóxicamente só apreciamos os efectos inmediatos.

Pero para que Galicia deixe de ser terreo abonado para os incendios, intencionados ou ocasionais, o noso territorio debe ser axeitadamente ordenado ou reordenado. Estase a revisar o Plan Forestal de Galicia, e aínda que os seus efectos tardarán en apreciarse é fundamental para o futuro. Que cada monte dispoña de instrumentos de xestión, para o que se conceden interesantes axudas oficiais, será tamén un elemento decisivo para a loita contra o lume antes de que este se inicie. O mesmo acontece coas melloras nas zonas de pastoreo, as reestructuracións parcelarias, cun mellor aproveitamento da superficie cultivable, ou a axilización e control das cortas de madeira para favorecer unha explotación racional dun sector de inmenso valor para o país.


Extinción

Pero poñéndonos no peor, que se orixinen incendios forestais, sexa un gran incendio ou moitos pequenos, a extinción é primordial. Como primordial é reforzar o aparato existente por parte das institucións (Consellería do Medio Rural e concellos), que xa foi reforzado de forma sustancial despois da vaga de lumes do pasado outubro. Chegouse así a incidir no 90% dos concellos de Galicia nesta tempada de verán, con cifras que para este ano falan de case doce millóns de euros de investimento, 279 convenios con concellos, 290 brigadas locais desplegadas en Galicia, e preto de 1.800 persoas (bigadistas e conductores de motobomba) contratadas para loitar contra o lume.

Con todo, polo de agora non preocupan os lumes, nin se fala deles. Que continuase así toda a tempada estival sería unha excelente noticia, porque evidenciaría que as accións que se están acometendo producen os resultados previstos e apetecidos. Pero aínda que en algún momento se producira algún acontecemento importante non desexado, é tranquilizador saber que se están poñendo todos os medios en acción para impedir que se orixinen lumes nos nosos montes e, á vez, que cada vez se xestionen mellor os incalculables recursos que os nosos montes poden proporcionar.
O mundo de Internet
O mundo de Internet


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES