Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Cooperativismo

domingo, 21 de octubre de 2007
Na encrucillada que está a vivir o mundo rural, unha crise de crecemento, as cooperativas serven de bolsa de osíxeno, ante tanta carga que acosa a un sector fundamental da Chaira. Nesa banalización coa que moitas veces arruinamos os nosos xuízos, acusamos ás e ós labregos de individualismo, de refractarios ás asociacións. Un tópico utilizado polos reaccionarios, para bloquear as iniciativas do sector, e manter as cousas aletargadas, para o proveito duns poucos. Hai unha tradición de colaboración e axuda mutua nas nosas aldeas, en labores do agro, e noutras actividades fundamentais: a sega, a malla, a matanza, etc. Xa a nivel de parroquia, ese afán comunitario reforza aínda máis os vencellos. As comunidades de montes de man común, os sindicatos agrarios, as sociedades que crearon na emigración, mantendo vivo o lume do fogar, alén do mar... Sempre houbo unha capacidade de organización e decisión, que permitiu alimentar esta unión e solidariedade rural. Hoxe, neste mundo globalizado e tan competitivo, as necesidades económicas obrigan a tomar outras medidas máis técnicas e máis arriscadas. Lembro na primavera do 77, aquel abrollar de soños que sementara, na primeira conferencia de Xermolos, o daquela axente de extensión agraria, Antonio Fernández Oca, no colexio de Guitiriz, cando nos abrira os ollos sobre a urxencia de integrarse para acometer as reformas do agro. Xa andaba a rebulir coa Cooperativa “Os Irmandiños” de Ribadeo. Un paradigma exemplar do desenvolvemento rural. A 38 das súas ganderías veñen de outorgarlle o selo de calidade Leite de Vaca Certificada de Cooperativa, as primeiras de toda España. No horizonte xa se adiviñaba daquela, un futuro de neboeiros para o vacún, o machucante Estatuto do Leite. Asemellaba unha utopía. Pero hoxe é unha realidade. A Terra Chá é unha rexión punta no sector gandeiro, e foron xurdindo experiencias cooperativas de producción, consumo e venda, moi importantes, e en continuo progreso, porque a situación o demanda. “A unión fai a forza”, e mesmo algúns destes colectivos uníronse a outros, para ter máis capacidade, e Xertiriz e Gandeiros da Chaira constituíron Xertigan, que teñen a súa sede en Momán. Non só están a buscar un futuro para a gandería, tamén están mellorando as condicións de vida da poboación. Así, conciliando a vida familiar e económica, buscando a colaboración de todos os integrantes para alternar momentos de lecer e traballo. Á parte dos beneficios económicos, as cooperativas axudan a canalizar a participación dos veciños en todo o que lles compete. Hai que loar estas organizacións que están a inzar na Chaira: Pastoriza, Xermade, Guitiriz, Cospeito... Son o eixe da sociedade civil, que xestiona o pluralismo que hai entre nós, e a voz que reivindica os dereitos da maioría dos e das veciñas.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES