Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Narrativa transxénica

miércoles, 01 de agosto de 2018
Ler a Manuel Darriba é como botar a correr por unha autoestrada na que tras túa arden montes de laparadas e o chan vai derrubándose a medida que avanzas. Nada é seguro. Todo é múltiple, cambiante, borroso e onírico, como nunha sorte de pesadelo de eterno retorno ao que un Morfeo perverso nos tivese condenado.

O escritor sarriao leva anos depurando a súa obra, esencializando os procesos de construción, codificación e transcategorización, esfarelando as barreiras xenéricas, amalgamando fórmulas e adelgazando o discurso para tirar toda a polpa do esquelete e ver brillar o fósforo da medula en puro.

Con Branco (2009) fíxonos abanear con estordegadas de prosa cortante, profundando nunha vía creativa que en O bosque é grande e profundo (2013) se afianzou nun dicir apositivo e paratáctico para espellar a agonía dun mundo que se esboroa e onde a violencia é unha lei da selva inexorable.

Esa mesma pulsión da inminencia do desastre, da latencia xorda do caos que nos rodea vaporiza todo Elefante (2018), o seu novo libro de relatos, un leito de faquir para intelixencias acomodaticias, desafío lector de intensidade tal que extenuará a máis dun.

Seis historias. Dous relatos longos, case que novelas curtas, e catro minirrelatos. Todos converxentes na súa textura simbólica, no seu alentar filosófico, na súa apertura significante que se presta a interpretacións diversas e complementarias.

“Elefante”, a historia coa que se abre o libro e que serve para o titular no seu conxunto, é un relato alegórico, unha revisión das estratexias do poder, da perfidia na creación de imagos que consigan imantar e conmover as masas para as domear e, tamén si, dos Narrativa transxénicaresortes da resistencia, das fírgoas da disidencia e o contrapoder. Unha narración na que as reflexións sobre o Tempo, o real, o icónico e a(s) linguaxe(s) se entremesturan tecendo un mesto tapiz ontolóxico e epistemolóxico.

Non menor ambición parabólica amosa “Os urot’oki”, debuxo dunha sociedade imaxinaria que vive na tensión dialéctica das esencias da tradición e a mestizaxe co foráneo, na loita entre o habitus herdado e a anulación das vellas formas no imparable hibridar social, pero, sobre todo, unha trama que sostén unha alegoría política en clave identitaria, na que o papel decisivo da oralidade, do idioma e do capital poético serven para deslizar fondas interrogantes sobre o noso país.

Máis breves, pero non por iso menos intensas, “Pel de serpe”, “O viaxeiro”, “A selva” e mais “Autovía” compoñen un mosaico de historias nas que os personaxes defrontan os seus temores, as súas inseguridades e incertezas, as súas batallas interiores e mesmo o desconcerto máis absoluto para (re)construírse e tentar atopar o sentido ás súas vidas.

Por xunto, esta media ducia de narracións constitúe un acabado exemplo de escrita transxenérica, prosas tramadas de fluído poético, relatos de ollar fílmico e textura oracular nas que as fronteiras entre o real e o soñado, o imaxinario e o lembrado se desdebuxan e confunden e todo resulta infinitamente máis complexo do que parece e, xusto por iso, ben máis diáfano do que aparenta.

No ronsel do mellor Borges ideador de mundos intelectuais, nos ecos do Carver máis inquedante e revelador, coas airexas do máis brutal Faulkner e aínda coa tensión épica dun Conrad ou a lucidez paródica e deconstrutora da escola Joyce, Manuel Darriba en Elefante confirma que a narrativa galega é filla do seu tempo e que hai quen entre nós avanza con paso firme polo novo milenio literario.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES