Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Elisa e Marcela en Ribadavia

sábado, 28 de julio de 2018
Había anos que non me achegaba a ningunha sesión da mostra de teatro de Ribadavia. A agradecida insistencia dun vello amigo dos tempos de María Castaña (é dicir, de cando vivimos o noso singular gran irmán no internado xesuítico da Universidade Laboral de Gijón), xunto coa curiosidade por ver o que era anunciado como "unha obra irreverente" arredor da historia de Elisa e Marcela, as dúas coruñesas que deron pé para que Isabel Coixet tomase terra en Celanova hai uns meses coa súa xa coñecida producción audiovisual, foron abondo para que na compaña doutros amigos dos tempos de pantalóns curtos na Celanova dos anos 60, nos achegaramos a revivir o fermoso ambiente teatral que a capital do Ribeiro mantén dende hai tantos anos para orgullo de tódolos ourensáns.

Aínda que un pouco encollido pola angostura das localidades do anfiteatro do castelo, gostei -que diría un portugués- de ver a implicación de tanta xente nova na imprescindible intendencia de alén da escena. Parabéns para eles e para quen se responsabiliza da súa coordinación.

Non entendía eu moi ben -cando lin o extracto informativo sobre a obra que fun ver- como era que se podía abordar "dun xeito irreverente" un episodio tan audaz, tan transgresor e ó mesmo tempo tan cargado de amor contra corrente, coma o que protagonizaron alá polo ano 1901 aquelas dúas mulleres que con tanto arrouto como afouteza foron capaces de argallar para que unha delas se transformase nun home co fin de poderen vivir en "santo" matrimonio o seu amor, cando aquilo, máis ca un pecado era un verdadeiro imposible metafísico.

Pero o certo é que as actrices viguesas da Panadaria -que así se chama a compañía que as tres conforman-, instaladas fronte ó público sen máis artificio escénico có da súa magnífica expresión corporal, as súas dotes interpretativas e as súas voces harmoniosamente cadenciadas, xunto cun simplísimo telón de fondo branco que mesmo lles serviu de leito vertical para escenificar os soños dunha delas, ca de barco para fuxir cara Buenos Aires, o certo é -repito- que nos engaiolaron a todos co respecto co que abordaron a historia e coa claridade diáfana coa que foron quen de nos contar aquela historia de amor prohibido ó que se lle descoñece o final.

Reinterpretando os versos que no seu momento escribiu o meu admirado Celso Emilio, "volverei a Ribadavia, a beber, comadre, a beber…" uns vasos de bo tinto de Berán, poñamos por caso o “Vello Luciano” dos herdeiros de Avelino Lorenzo e, da súa man, continuar sendo espectador dese espazo de expresión de liberdade escénica que é a Mostra Internacional de Teatro que -nunca mellor dito- tan ben marida co viño, como coa regalía, a miúdo non ponderada, que constitúe o reencontro cos vellos amigos que un é quen de atesourar.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES