Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'P. Manuel Feijoo. Música da Nosa Terra'

Mourille Feijoo, Enrique - lunes, 30 de julio de 2018
Presentación de 'P. Manuel Feijoo. Música da Nosa Terra'
Na RAG, o 28 de Xuño de 2018.


“Esta música de Manuel Feijoo é a banda sonora das letras galegas” (Carlos Núñez Deza, editor, na súa intervención no acto).

O presidente da RAG Victor Freixanes lembrou o compositor como parte esencial da Compostela dos seus anos universitarios.

Hoxe reproducimos enteiro o discurso que na ocasión pronunciou o noso colaborador Enrique Mourille Feijoo, que amais é o coordinador dos tres volumes da obra do compositor franciscano de Ourense que foron publicados entre 2013 e este 2018 por Armonía Universal de Carlos Núñez Deza, Ourense.

'P. Manuel Feijoo. Música da Nosa Terra'Manuel Feijoo (1926-1992), nace no pobo de Outomuro, un curruncho de terra na marxe dereita do Baixo Arnoia, moi preto da Casa dos Poetas que é Celanova. Nace na marxe dereita dese río cheo de troitas, de pementos, escritores e algún que outro cineasta, tal que Carlos Velo. Tales que Curros Enriquez, Valetín Lamas Carbajal, Celso Emilio Ferreiro ou Méndez Ferrín. Un curruncho de terra no que tamén xurde a primeira muller gaiteira de Galicia, dona Aurea Rodríguez, quen converte “Os Maravillas” no primeiro cuarteto de gaitas, requinto e percusión do noso país (nota: ver Manolo Rico, aquí presente).

Nace na marxe dereita, pero Manuel Feijoo, o Padre Feijoo, sempre se levou moito cos da esquerda… El sempre maquiaba “como dun río, a paz”, a melodía, a armonización: no pentagrama e nas xentes. En palabras de Celso Emilio Ferreiro que lle acaen cuspidiñas “por onde el ía as cousas púñanse blancas” e “falaba con palabras que semellaban pombas”.

Cando subíu por primeira vez ó templo, sentíu como a nosa sacerdotisa dona Rosalía lle moumiñaba ó bo do rapaz: “Nasín cando has prantas nasen”, e de seguido un “Moucho” eclesiástico e valleinclanesco lle anunciaba profético na pía do bautizo: “ Has de cantar”: e velaí xa as 3 primeiras pezas que forman parte deste volume “Música da nosa aterra” e que imos escoitar decontado.

De mociño, un bo día colleu o tren que o “levou pola beira do Miño” até Guillarei, Redondela, Pontesampaio, Pontevedra e Carril e logo, a par da ruta marítima do Apóstolo, Ulla arriba, chega ó Pedrón, onde, esta volta, o pemento pequeno de Herbón no seu Seminario Franciscano, a archimadrita e episcopal lamprea daquela iriaflaviense xuridiscición; as Palmeiras de Juan Rodríguez de Padrón no tal convento, as trobas de Macías o Namorado, os Cantares Galegos a Orelas do Sar, as conversas con Camilo José Cela e as súas tías que o frecuentaban, fan do humus e estro mozo de Manuel Feijoo un pandeiro de solfeo e teclados, de estudo e maxisterio, de música e letras, que o fixeron ferver a cachón no eido da composición da arte musical galega, un eido sempre distópico sendo arte, pero que xurde da cerna do noso e remata no estoupido sonoro e silencioso e definitivo de todo o seu maravilloso opus: un opus de “verdor cinguido”, de “verdes prados e valeroso chan”… Velaí, entón, outras tantas pezas deste volume: “Padrón, Padrón”, “Como chove miudiño”, “Pra A Habana”, “Do mar pola orela” de Curros, “Os Seráficos de Ulla”, das que tamén imos escoitar dúas, incluidas no libro presentado.

E de Iria Flavia, logo dunha esta día de 15 anos entre estudiante e profesor, a Santiago de Compostela (1966-1992). Eran os tempos do tardo franquismo e das primeiras folgas estudiantís na facultade de meiciña a carón de onde él rezaba e traballaba música no seu convento de Val de Dios. Nacía a nova canción galega. É a época del e do seu Orfeón Terra a Nosa. Alguén ben entendido na investigación e historia do noso folk ten dito que Manuel Feijoo fixo tanto por esa nova canción como a maior parte de todas as Voces Ceibas da época case xuntas!: “o galego non se defende, fálase” decía Manuel Feijoo daquela. E así, amais de falalo, púxelle solfa no “valeroso chan” das súas partituras: sempre onomatopeicas do lume, do ar, das hortas e hortiñas, da mar e das altas copas do monótono fungar do noso bosque animado… e polo mesmo do “noso(¿) contento”… sempre música de “letras galegas”como ben imos vendo: “Galicia, Nai e Señora” (Ramón Cabanillas), “Cantares Galegos” (Rosalía), “Galicia en Europa”, “Requiem por Basilio”, “Requiem por Cuevillas (Bouza Brey) , “Para os novios na boda”, “Cantarelilla” e berces varios; cancións populares que arranxa para voces e grupo de gaitas, “Arrorró dun neno esperado”, chirimías e pelegríns que veñen e van na “ Noite compostelá(n)” son outras tantas partituras que salfiren os pentagramas deste seu libro “Música da nosa terra”.

'P. Manuel Feijoo. Música da Nosa Terra'E remato este meu twiter. Por todo o dito e como proclama unha lumieira vertical á entrada do Parque Manuel Feijoo” do seu pobo natal, logo de pasear o nome da nosa terra polo mundo (Lisboa, Coimbra, Londres, Lorient, Andorra, Brujas, Bruxelas, Luxemburgo, Amsterdan, Munich, Düsendorf, Bon, Roma, Florencia, Padua, Venecia, Verona, cidades de Croacia e Polonia, Arxentina, Urugui, Chile e Venezuela),e sendo 1º Premio Nacional de Polifonía ano 1974, 1º Premio Masas Corais de Galicia en Lugo 1976, invitado especial por Galicia día do Canto Internacional Palau de la Música de Barcelona 1970: logo disto o seu concello de Cartelle nomeouno Fillo Predilecto; o de Santiago Fillo Adoptivo e Madalla de Prata ó Mérito Cidadán e a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao 1992, ano no que aló por outubro, selle ocurríu cantar, -cousa moi propia dun franciscano diante da irmá norte- as derradeiras obras que rematan o libro da súa vida: “Pasei o mar da marola”, “Adiós, miña terra!”, coa coda e calderón final “Eu cantar, cantar, cantei”.

Remato: Coido que, como dixera María Victoria Moreno, a das Letras Galegas deste ano, Manuel Feijoo non tería outra cousa que dicirnos arestora, e nós comprobalo: “A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua e música é simplemente unha (longa) historia de amor”.

Moitas grazas a todos por virdes a escoita-lo libro, especiales, dende logo, á Executiva da REAL ACADEMIA polo seu acubillo a nós e ó P. Manuel Feijoo da MÚSICA DA NOSA TERRA, un dos “bos e xenerosos”. SAÚDE E TERRA! E SEMPRE EN GALICIA!
Mourille Feijoo, Enrique
Mourille Feijoo, Enrique


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES