Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Narrativa extrema

jueves, 26 de julio de 2018
Poucas voces hai hoxe que resulten tan impactantes e reveladoras como a da viguesa Xina Vega. Autora de títulos referenciais para a literatura en lingua galega das últimas décadas ―velaí os imprescindibles Cardume (2007) e Dark Butterfly (2012)―, ingresa agora na narrativa en castelán con Nadie duerme, impecablemente publicado a finais do pasado ano polo selo logroñés Pepitas de calabaza.

Nadie duerme é unha novela de afiadísimo gume dende a súa mesma cuberta, onde unha coitela de barbear anuncia a sinfonía do sangue que circula polas súas páxinas. As avoltas relacións afectivas que se establecen entre os personaxes protagonistas, as grandezas e miserias de Eros, a pulsión irrefreable e tantas veces destrutiva do sexo, os nosos límites e abismos, o terror que precede ao nada, á disolución e a negación absoluta son o territorio polo que pervagan as tres parellas que poboan estas planas na procura da súa identidade, da verdade do seu ser, do eu que os define en relación ao outro, aos outros.

Mais este relato amosa tamén unha transparente instalación social, a denuncia da lacra emigratoria, das penosas condicións do proletariado, o reino do desafiuzamento no que inzan os máis desfavorecidos. E é xustamente neste humus do desposuimento onde cobra sentido a violencia, as violencias que espellan na historia, nomeadamente as de xénero, que aquí encarnan en estupros, vexacións sexuais e episodios de pederastia, entre outros.

Narrativa extremaRecollendo os ecos de certo dirty realism, Vega ensaia unha sorte de neotremendismo de xenuíno cuño no que o maltrato nas relacións, as escenas de masoquismo e mesmo de emasculacións configuran un teatro visceral e palpitante do reverso máis brutal que nos habita.

A violencia estética, ética e política que declara Nadie duerme confórmase nunha admirable narración lírica, plena de imaxes poderosas, trenzada cunha prosa de cadencia sonora hipnótica, o que converte esta escrita nun soberbio exercicio estilístico. Se a isto sumamos a moi evidente pegada fílmica que acompaña o relato, entenderase ben por que tantos treitos desta historia nos lembran o herdo de Peckinpah, de Tarantino, dos irmáns Cohen e, sobre todo, de Von Trier, cineastas que non terían dificultades en adaptar as secuencias trementes, rebordantes de violencia xorda ou expresa que aquí son.

Como non podía ser doutra maneira en quen é, tamén si, unha das críticas e investigadoras literarias máis brillantes da súa xeración, hai en Nadie duerme un inmenso caudal de lecturas devorcado, que faísca en citas e homenaxes aos escritores da tradición nosa (aí o está ese Elsinor ventado que nos trae o mellor Cunqueiro, mais tamén a loita contra o naufraxio do “eu tamén navegar” de Xohana Torres, en fin, o instinto lobo de Teresa Moure noutras pasaxes) e doutras latitudes, como o Lorca do que se toma o verso que dá título á obra, o Shakespeare máis témero (o do Titus Andronicus, o do Macbeth) e, por descontado, o Georges Bataille máis salvaxe (recórdese a durísima Historia do ollo), a Elfriede Jelinek máis acerba e a Angélica Liddell de teatro atroz.

Nadie duerme é un ouveo de literatura punk, unha novela ex-céntrica porque desafía o acomodado canon do repertorio, un espéculo que nos devolve as realidades do corpo dende o ollar da muller, que reivindica a carnalidade arrebatada e a sexualidade acendida para normalizalas e, xustamente por iso, desproblematizalas, unha narrativa extrema, implacable e inmisericorde que ha tradear a indiferenza do politicamente correcto para perdurar.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES