Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Santiago o noso

miércoles, 25 de julio de 2018
Co gallo da celebración da festividade de Santiago Apóstolo e do Día de Galiza é case obrigado que lembremos algunhas ideas sobre a importancia de que a nosa Igrexa galega, é dicir, todos cantos en Galicia nos consideramos cristiáns, saibamos incardinarnos ben na terra e no país no que, pola graza de Deus, nacemos, vivimos e en principio desexariamos tamén morrer.

Nesta incardinación pode haber deficiencias. Por unhas ou outras razóns, que sería longo enumerar, esas deficiencias existen e debemos ser conscientes delas. Mais coido que o máis importante é que deberiamos aprender a ver esta incardinación en continuidade e como consecuencia da incardinación ou encarnación que Deus mesmo fixo de si no mundo, facendo que o seu fillo Xesús nacese e vivise nun país, nunha cultura e nun ámbito lingüístico concretos. Polo tanto, a encarnación da Igrexa na cultura e lingua de Galicia témola que ver como unha esixencia desa mesma fe nun Deus que en Xesús se encarnou tamén nunha cultura e nun país concretos. No seu paso por este mundo, Xesús non se parece en absoluto a un suposto anxo que sobrevoase por así dicilo as terras de Palestina para desaparecer ó final nun ceo etéreo sen se decidir a aterrar antes en ningún momento. Polo contrario -tal como nos di Xoán- Xesús, a palabra de Deus, si que afincou ben a súa tenda entre nós.

No que toca a Galicia, podemos dicir que a Igrexa, destinataria da mensaxe de Xesús, tardou bastante en se decatar, con tódalas consecuencias, de que tiña que poñer tamén a tenda galega de Xesús entre nós. Pois sabedes ben que a primeira misa en galego de tódolos tempos se celebrou oficialmente en Santiago hai só 53 anos. Con moitísimo atraso –como é doado ver- se temos en conta que a lingua galega é a lingua propia da nosa terra e nela se expresou e expresa a maioría da poboación dende hai moitos séculos.

Foi o último concilio ecuménico da Igrexa, o Vaticano II, o que abriu por fin a porta á utilización na liturxia das linguas faladas pola xente aínda que por razóns de tipo político ou falso prestixio social non tivesen aínda a categoría de oficiais. Aínda así, a nosa lingua galega tivo que esperar varios anos ata a súa introdución no uso litúrxico da Igrexa. Houbo daquela moitas protestas por esta inxustificada demora, ata que por fin, o 7 de xaneiro de 1969 se aprobou en Roma o uso litúrxico da lingua de noso tras moitos esforzos individuais e colectivos a prol do seu uso.

Chovía en certo modo sobre mollado. Xa a mediados do século XVI, o Concilio de Trento acordara que, aínda que a misa se segura dicindo en latín, se lles dese cabida nela ás linguas chamadas vulgares para lles explicar ós asistentes o que alí se estaba a facer. Mais tamén daquela nesta sufrida terra nosa se decidiu, contra toda lóxica e evidencia, que a lingua de Galicia era o castelán. Por iso, e sorprendentemente, os galegos, a diferencia por exemplo de vascos ou cataláns, non puidemos dispoñer ata hai moi pouco de oracións ou catecismos escritos na nosa lingua. Os nosos catecismos imprimíanse en castelán e a doutrina e mailas oracións básicas ensinábanse tamén en castelán, contra o que o mesmo Concilio de Trento pedira.

Despois do Concilio Vaticano II, celebrouse en Galicia durante toda a década dos anos 70 o chamado Concilio Pastoral de Galicia. As disposicións concretas deste Concilio Pastoral galego partían do suposto básico da necesidade de identificarse coa propia cultura dos destinatarios da mensaxe liberadora do evanxeo en canto “boa nova”. Dise alí, por exemplo: “Este Concilio Pastoral pídelles ós cristiáns de Galicia que a súa acción se encarne nos valores naturais, humanos e culturais da Rexión e que, xunto con todo o pobo galego, os desenvolva cando son expresión da súa personalidade, riqueza e liberdade. Isto levaraos a rexeitar toda forma de colonialismo e a proclamar o dereito á lexítima liberdade en tódolos seus niveis e a decidir o seu destino”. E incluso se engade alí: “O Concilio Pastoral de Galicia pide que a autoridade pública, lonxe de determinar o carácter propio da cultura galega e, máis aínda, de oprimila, favoreza tódalas condicións e medios para soerguer a vida cultural propia do pobo galego, fundamentalmente a súa lingua”.

Por iso, e isto tócanos xa directamente a nós, dise aínda nun dos textos conciliares: “O CPG pídelles a tódolos cristiáns, Bispos, Curas e Leigos, cadaquén segundo a súa específica misión, que participen na promoción da lingua galega, por ser un valor humano que está asociado coa liberación do home galego e, por tanto, coa evanxelización”.

Polo tanto, este Concilio pídenos a tódolos cristiáns, clara e simplemente, máis “encarnación”. Do mesmo modo que Deus –tal como xa comentei- se encarnou no concreto Xesús da historia.

Teremos, pois, que lle pregar hoxe ó noso Padroeiro, o Apóstolo Santiago, o “fillo do trono”, que nos dea ímpeto civil e relixioso para facermos de Galicia unha realidade xusta e libre, conforme ó espírito que recibimos do Evanxeo. Unha realidade ben encarnada na propia historia, na propia cultura, na lingua propia.

Quero aproveitar tamén esta importante data anual para nós do 25 de xullo para aludir brevemente pola miña parte ó que particularmente celebro eu anualmente neste día con agradecemento a Deus. Xustamente nesta data do 25 de xullo, aínda que do ano 1963, hai polo tanto xa 55 anos, fun ordenado sacerdote xunto con outros 14 xesuítas de diversas nacionalidades (ademais doutros tres relixiosos: un bieito, outro franciscano e outro cisterciense) polo bispo tirolés da cidade austríaca de Innsbruck. Un dos xesuítas que comigo recibiron a ordenación era o valisoletano e bo amigo Segundo Montes e foi fusilado en Centroamérica pola ditadura militar non hai aínda moitos anos xunto co máis coñecido Ignacio Ellacuría, compañeiro meu tamén daquela en Innsbruck. Fomos casualmente ordenados no día de Santiago Apóstolo porque no día seguinte, o día 26, era a festividade de santa Ana, padroeira de Innsbruck, e neste día se celebraban tradicionalmente as primeiras misas ou misas novas dos ordenados no día anterior. As tirolesas e tiroleses viñan en masa a participar nese día nestas misas, ás que lles tiñan moita devoción.

Andando o tempo e sen eu daquela sequera sospeitalo, dinme conta do ben que cadrou para min esta data ó estar ela tan directamente relacionada coa defensa da nosa terra, da nosa cultura e polo tanto da nosa lingua.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES