Lembranzas do Asilo (VII): Teatro pro-Asilo
Fernández, Suso - miércoles, 25 de julio de 2018
O ano 1962(hai 56 anos) a entón Peña O Lar, niño de numerosas iniciativas socio-culturais e benéficas, acordaba iniciar os traballos tendentes a conseguir os medios económicos precisos para dotar de calefacción ao Asilo de Anciáns; ó efecto nomeouse unha Comisión, da que era Presidente Andrés Carro do retratista, de Foto Celta. E foi o teatro a actividade elexida para dar a saída a unha campaña ilusionada, que duraría no tempo, pois á primeira representación (1962) da obra La vida privada de mamá foi seguida, ao ano seguinte, por Don Armando Gresca;ambas comedias, obra de Víctor Ruiz Iriarte, a primeira; e de Adrián Ortega,a segunda.
Para tal realización, improvisouse un elenco que o nutrían un feixe de rapazas e rapaces da vila: Carmucha de Severo, Geluca, Chicha Veiga, Ana e Paca da Botica, Angelines Otero, Pili Leitón e Marita; Pedro del Riego, Pepe Marful, Moncho Hermida, Alfonso NeiraChichita, Manolo de Paquita, Cesarín e o cronista que suscribe.
O asunto central da primeira consistía na contraposición entre a severa moral, que parecía ostentar a protagonista, e a súa vida privada auténtica. Teresa, viuva desde había 20 anos, aparentaba non ter relación amorosa algunha, en todo ese tempo; pero, o día da boda da filla, aparecen na súa casa catro supostos pretendentes que esperaban ese momento para realizar o seu soño
En don Armando Gresca, Armando Niceto Albarracín, é un home tan rico coma rexoubeiro; e, antes de morrer, firmou un testamento imposible para entolear un pouco mais á súa familia, que levaba toda a vida esperando herdar. Armando Gresca, viuvo acostumado a facer o que lle petaba,e que odia a súa prima Paloma de la Paz,viuva tamén
A esixencia do tío Niceto de que, para herdar, tiña que haber voda dos seus fillos, enfronta mais á familia
Pero iso é só o principio da hora e media de enredos, que dura a comedia.
Ambalas dúas representacións, nos anos 1962 e 63, tiveran por marco o primitivo Cine Cageao, que hoxendía ocupa, parcialmente, a Librería Bahía: baixo a dirección do matrimonio don Ramón Fernández Quiroga e dona Inés Díaz, mestres ambos no Colexio de Foz; acadaran senllos éxitos, así como en outras representacións levadas a algunhas vilas da bisbarra. Fora decorador das mesmas, Martín Jaureguizar.
Os resultados económicos destas primeiras actuacións pro-calefacción do Asilo, foran motivo dun optimismo acentuado para os promotores..., que tiñan aínda moito camiño que andar para acadar o obxetivo marcado, e que, con grande ledicia, se alcanzaría dous anos mais tarde en que, con manifesta algarabía, celebrouse a prineira posta en servicio daquela calefacción, que tanto desexaban as monxas e velliños/as do histórico asilo focego.
(Suso Fernández é Cronista oficial e Fillo Predilecto de Foz)

Fernández, Suso