Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Apóstolos do Camiño

lunes, 23 de julio de 2018
O Camiño (os camiños) que por centos de anos contemplaron o paso dos peregrinos cara a Capital de Occidente, foron guadianas a mercede da memoria e da fe, das xentes e da vida, de xeito que en tempos difíciles -aínda que a fe permanecese intacta- factores económicos ou sociais primaban sobre as crenzas e arredaban da ruta aos que ben quixeran camiñar pero aplicaban aquela máxima da nosa nenez de que “Deus non pide imposibles”.

E os camiños languideceron e morreron, se é que un camiño pode morrer canto se abandona ou se esquece.

O que resultou ser o Camiño por excelencia, o dos Francos, o que a tradición quere que siga na terra o que o Camiño das Estrelas marca no ceo, non foi excepción, e cando Cunqueiro andivo polo Cebreiro a comezo dos anos sesenta e preguntou se por alí pasaban peregrinos, a resposta que obtivo foi que o ano anterior pasaran por ali dous camiño de Compostela.

E tiveron que cambiar os tempos, e aparecer un varón santo chamado Elías Valiña que se botou ao Camiño a recuperalo, a marcalo, a revivilo… e lentamente obrouse o milagre da resurrección… que se os camiños pode entenderse que viven ao ser utilizados e morren ao ser esquecidos, ben pode entenderse que resucitan cando volven á “vida”.

E tomamos conciencia de que o que entendíamos como Camiño de Santiago non era tal, porque non era un só, senón que eran moitos os Camiños, chegándose a decir que cada peregrino marcaba un camiño; que cando pasaba un peregrino facía un Camiño a Compostela.

E descubrimos que antes ca o Francés houbo un Camiño Primitivo que viña desde Oviedo, e un Camiño do Norte que pola costa chegaba a Ribadeo, pasaba por Lourenzá e Mondoñedo… e chegaba a Vilalba. E resulta que eu, que nacín na Porta de Cima vilalbesa, nacín e vivín á beira do Camiño sen sabelo, que ninguén dos meus veciños soubo que vivía á beira dun Camiño milenario ata que, entrando neste século, soubemos que o Camiño do Norte estivo agardando por nós desde o descoñecemento, o esquecemento, a ignorancia.

Para estas accións, como para tantas outras, fan falla apóstolos. Fan falla especiais persoas que, creendo e sabendo, abran camiños ás ideas, á memoria, ao coñecemento. E do mesmo que Elías Valiña foi o apóstolo do Camiño dos Francos, houbo neste Camiño do Norte apóstolos que “abriron camiños”, “inventaron camiños” (no sentido verdadeiro de “descubrir” para inventar), destacando o que hoxe honramos que –mesmo polo nome- parecía predestinado a vencellarse ao Camiño do sepulcro do Señor Apóstolos do CamiñoSantiago.

Santiago Iglesias Dobarrio, mestre con raices na terra moito máis que milenaria de Duarría, na terra dos Valuros de Castro de Rei, exerceu de educador en Abadín, onde a Chá limita coas terras do Asma e da Corda, onde foi Alcalde, e onde soubo que en tempos pasados discurría un Camiño glorioso polo que, movidos pola fe, innumerables pergrinos das terras do norte buscaban a gloria, o perdón e a paz no Campo de Estrelas onde repousaba Santiago na paz do Señor. E fervoroso como era, entusiasta do seu e dos seus, entregado home de fe, comezou a poñer as bases do edificio que hoxe disfrutamos, para comprender aos peregrinos, para entender as súas razóns, para atendelos nas súas necesidades, para que o río de xentes que fluía polo Camiño, atopara canle axeitada para o seu discurrir.

E axudou a crear “Abrindo camiño”, vocacional asociación vencellada a este Camiño do Norte, dedicada primeiro a rescatar, logo a impulsar e difundir, e sempre a apoiar iniciativas que potencien o camiño, que axuden aos camiñantes, que digan cada vez máis alto e máis lonxe que hai un Camiño que ven do norte dos nortes; que pola Costa de Lugo conduce a xentes dos paises septentrionais cara á cidade que garda os restos do Apóstolo e que ven ser unha das máis fermosas e afortunadas do mundo.

Os apóstolos proclaman verdades, empuxan accións, abren camiños… e deixan memoria clara do seu labor para as xeracións vindeiras. Santiago Iglesias Dobarrio proclamou a verdade do Camiño, empuxou coñecemento e mostrou realidade, abreu camiño e deixou herdanza na Asociación que axudou a crear… Santiago deixou memoria clara do seu labor para os que quedamos coa obriga de recoller a sua testemuña. E hoxe, precisamente hoxe –e sempre- é o momento de recoñecelo e de lembralo.

De apóstolos está feito o Camiño. De Santiagos –neste caso de nome e vocación- está feito o Camiño a Compostela. Honrando a Santiago Iglesias Dobarrio facemos xustiza a un home e a unha devoción; tamén a unha idea e unha fe. Por Santiago, de Abadín a Compostela!!!.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES