Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Santo Cristo e Cristiano Ronaldo

sábado, 21 de julio de 2018
O xornal do pasado martes reproducía unha información que estou seguro de que tampouco a vostede lle pasou desapercibida, presentada baixo un titular no que se recollían unhas declaracións do responsable do patrimonio eclesiástico de Ourense, Miguel Ángel González e que literalmente dicían así: "Si el turista no quiere pagar, la catedral hay que cerrarla".

Lin isto e, tanto no desenvolvemento da información coma nun pequeno despece en pé de foto, lin tamén a opinión dun turista sevillano -Rafael Bohórquez-, que alertou dun xeito especial o meu interese debido á indignación que, malia dificultade de interpretar os énfases na letra escrita, semellaba transmitir, proclamando que decidira non entrar na catedral porque lle parecía "inadmisible que haya que pagar", expoñendo como pobre engadido argumental que cobrar por acceder á catedral sería máis ou menos como "si te cobran por pasar el puente romano", ignorando se cadra o turista en cuestión que na propia ponte vella, coma en tantas outras pontes -máis de unha sevillana-, houbo durante séculos un tributo -ou un trabuco- que os circulantes habían de aboar se querían pisar a outra beira do río. E non, precisamente, por motivos turísticos, tal coma hoxe se paga na ponte de Rande e en infinidade de viaductos.

Vaia por diante o meu respecto polo dereito que ten o home para expresarse de tal xeito. E para que vexa que é así, velaí lle vai unha recomendación "gratuíta", ou, mellor dito, unha web na que lle darán a coñecer dez plataformas nas que se poderá documentar sobre como viaxar polo mundo sen diñeiro: "mimundoenlamochila.com".

Ora ben, feita esta necesaria explicación, defensor como son eu de darlle valor o patrimonio cultural, cando lin a información e a, por min interpretada, indignación do tal turista, véuseme á idea tamén unha comparativa, penso que neste caso máis acaída cá del coa ponte. Isto é, ocorréuseme comparar -por que non?- a Cristiano Ronaldo, tan de actualidade, co Santo Cristo de Ourense.

Preguntará vostede, que raios terá que ver o afamado futbolista portugués -tan ben peiteado, sempre-, co noso desgedellado crucifixo. E eu explicareillo.

Descoñezo, evidentemente, se o turista andaluz será futboleiro ou non. E, de ser así, se é bético ou sevillista. O que si sei, con absoluta seguridade é que se algún día tratou de ver ó mozo madeirense correr tras dun balón e presumir de tableta torsal polo Sánchez Pizjuán ou polo Benito Villamarín, indignado ou non, non lle quedou outra ca parar na xaneliña do estadio e cotizar polo fielato correspondente.

Que non quixo pagar por entrar na catedral? Pois el perdeu a ocasión de verlle crecer o pelo ó noso cristo, que é algo ben máis singular e milagreiro ca darlle un couce a un coiro e metelo entre tres paus chantados na linde dun campo de herba.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES