Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Comungando coa terra da Rapa

jueves, 19 de julio de 2018
Évos algo que ferve nas veas do corpo e da alma... Foguetes que furan o ceo nacente nunha noite que empeza lentamente, e moi cedo, a se esfiañar no novo día, escorrentando e desafiando os cirrios que pasaran a noite baixo o teito das vellas tellas da igrexa, deixando de facelo como cumpría nas descoñecidas alturas dun ceo nocturno e libre. Toda festa ritual é sempre nova. Mais esta que aniña nas cimas da Terra de Montes, no pequeno e resistente lugar de Sabucedo, éo especialmente.

No cíclico proceso que se desenvolveu este ano desde o amencer do día 6 deste mes de Santiago, durante catro memorábeis xornadas, o común e democrático rei sol non tivo vergoña algunha de nos amosar sempre a súa plena e risoña faciana. Un agasallo inesperado para todos. Alá arriba, a montaña: rocha vella e ancestral, airiños airiños aires, toxo manso e xesta recendente e un fuxidío horizonte dunha ou máis greas de bestas que nos avistan con delicada atención e un medido celo do seu propio e comunal modo de ser. Aman a liberdade e, pola nosa parte, aprendemos tamén a amala con elas. Ou é que alguén dubida de que elas portan nos seus lombos liberdade, bonhomía e rebeldía? Todo un símbolo para unha Galiza e as súas xentes que non deixan de buscar atoparse plenamente consigo mesmas e coa terra, de por si ben xenerosa, na que nacemos e queremos vivir.

É esta fondura “animal”, rebelde, animosa e animante, dos nosos compañeiros da montaña a que entra e desemboca nas rúas e camiños interiores da aldea, cos seus veciños e forasteiros en renovado abraio, coma un inesperado e sempre novo don, que se concentrará logo, máis intensamente, no mítico anfiteatro do curro. É alí, nese rotundo espello que separa e ó tempo conxunta (a eles e a nós) onde podemos, si, vernos neles e deles aprender tamén a sermos nós mesmos. Aprendendo da súa resistencia e do seu digno orgullo de ser e de existir como tales. As nosas bestas convértense así en gratuíta vacina de humanidade.

Por iso as festas, cando o son de verdade, na súa variedade, na súa fondura, na súa imperiosa necesidade social e humana, non son dispendio inútil e sen sentido, senón rexeneración viva do propio ser individual e comunitario, que endexamais pode ser entendido sen tomar conciencia da nosa comuñón coa terra, coa luz e a montaña, cos fentos e as xestas, coa auga daquela fonte agachada baixo a húmida sombra dun pereiro agreste e solitario...

Leccións maxistrais sobre todo isto ofrécennolas con xenerosidade as grandes e festivas tradicións populares. Como esta da Rapa das bestas de Sabucedo, que os mandatarios públicos non deberían endexamais deixar de apoiar para ben do país.-
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES