Manzanero, Armando
Xiz, Xulio - martes, 16 de octubre de 2007
Hai corenta anos, eu tiña vinte, Radio Popular comenzaba o seu camiño polas ondas na provincia de Lugo. Armando Manzanero arrasaba entre os mozos polos seus temas melosos, románticos, namorados, namoradizos.
Aquel Somos novios ou Esta tarde vi llover emocionaban, arrebataban. Pensábamos que eran cancións propias, nosas, da mocidade daquel tempo, que morrerían coa nosa xuventude pola caducidade natural das cancións que se poñen de moda.
No San Froilán 2007, un Manzanero que calculo como mínimo setentón, arrasou na praza de Santa María diante dun público entregado que volveu -volvemos- ser novo nunha incursión meteórica no personalísimo baul das lembranzas.
As cancións de Armando Manzanero fixeron o milagro de que lucenses manifestamente adustos sucumbisen á maxia da ledicia, que venerables testas se moveran de xeito irrefrenable ó ritmo da súa música, que dun plumazo desaparecesen milleiros de enrugas mentais... Manzanero conseguiu demostrar que corenta anos non son nada cando xorde viva a música da nosa mocidade.
Os do meu tempo matinamos que a música dos anos sesenta é moi superior á das décadas posteriores. Posiblemente sexa verdade, pero non todo o mundo está dacordo.
Mais se fixese falla algunha autoridade na materia que avalase esta suposición, acudo ó Sumo Sacerdote que en Santa María nos encheu de ledicia e nos volveu á mocidade. Gracias Manzanero, pola viaxe no tempo.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora