Patrimonio da Humanidade
Editorial - martes, 16 de octubre de 2007
Cada ano, no outono, determinadas cidades tentan colleitar para os seus bens patrimoniais a denominación de Patrimonio da Humanidade, que a UNESCO concede ós monumentos sobranceiros paras resgardalos para o futuro e garantir o seu respecto e conservación.
Hai anos, a Muralla de Lugo, obtivo este preciado galardón, complemento perfecto da coroa de pedra que ostenta a cidade bimilenaria como resto do seu brillante pasado que chega ata o Imperio romano e acredita que no século III se fortificou a cidade que nacía neste extremo do mundo de Roma.
Agora, a Torre de Hércules, herencia tamén de Roma e o faro máis antigo do mundo en funcionamento aspira tamén a este galardón, que coidamos teno perfectamente merecido como menhir chantado onde os romanos coidaban que remataba o mundo, á beira do mar descoñecido onde o sol morría cada noite para erguerse no outro extremo á seguinte mañán.
Pero do mesmo xeito que coidamos que a Torre de Hércules é patrimonio da humanidade e merece ese recoñecemento, tamén sabemos que ese nomeamento é só un punto de partida, que nada trae consigo, que son os coruñeses os que teñen que seguir a loitar polo seu monumento, dignificalo, conservalo, e conseguir que siga a ser o mellor signo de identificación da cidade de cara ó mundo.
Porque estas declaracións non traen un pan debaixo do brazo como calquera recén nado, senón que levan consigo a responsabilidade de seguir a merecer esa denominación polos anos dos anos.
Desexamos para A Coruña ese título nobilísimo de Patrimonio da Humanidade centrado na Torre de Hércules. E a disfrutalo, e a traballalo, por moitos anos; por sempre.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora