Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Padre Mato e a Cultura do País

viernes, 13 de julio de 2018
Coñecín a Xesús Mato ao inicio da actividade de Radio Popular de Lugo como un colaborador máis daquela emisora montada con todas as da lei. Daquela eramos uns rapaces que aínda estabamos en plena formación e aprendendo, pero que, con esa ilusión e unha boa dose de inconsciencia que se ten cando se é mozo, desafiabamos O Padre Mato e a Cultura do Paíscalquera reto.

Cada quen era de seu pai e da súa nai, pero todos tiñamos algo en común, a nosa querencia pola cultura, á que dedicamos unha boa parta das nosas vidas, e en especial polo noso mundo rural, pois aquí, mal que lles pese a algúns, case todos somos da aldea en primeira o segunda xeración.

Aquel home miúdo, e como tal hiperactivo, que falaba en galego, resultaba ser un crego, pero non un máis, senón un crego atípico.

Sempre me chamou a atención o feito de que sendo o noso clero maioritariamente de orixe rural e desempeñando o seu labor pastoral nese medio, que habitualmente falasen co fregués en galego e a continuación misasen en castelán, con acento de Valladolid nas homilías, pero eso si, dicindo "los descípolos del Señor".

Outra das cousas rechamantes para min era que todos lle chamaban "o padre Mato", cando o habitual na miña época era que a un crego se lle aplicase o don. Pero ninguén lle chamaba "don Xesús". Era unha forma, penso eu, de facerse familiar e romper esa barreira de respecto que sempre se lle tivo ás sotanas e a todos aqueles aos que se lles engadía o don. Pois niso o padre Mato tamén era unha rara avis porque falaba en galego e misaba en galego.

Pero aí no se acababan as súas peculiaridades, porque lle gustaba a música, e por iso fundou coros e creou grupos musicais para cantar na súa lingua materna. E aquí temos a súa faceta de home preocupado pola cultura do país, de promocionala e dala a coñecer con rapaces que medio século despois aínda seguen a cantar, sen esquecer o labor de recuperación do cancioneiro popular sonoro hoxe depositado no Museo do Pobo Galego.

Pasaron algúns anos e cando eu era delegado da Consellería de Cultura en Lugo, nos inicios da democracia e da autonomía, cando o que tiñamos era máis ilusión que cartos, o padre Mato levoume ás terras de Pedrafita onde tiña as súas parroquias para que vise o estado das igrexas e os muíños de Busnullán, para ver si se podían rehabilitar. Aquí agroma o seu instinto de conservación do noso patrimonio artístico e etnográfico, do que desgraciadamente se perde por non darlle uso, como lle pasa á lingua.

Estabamos no circundo doutro crego miúdo e hiperactivo, Elías Valiña, interesado por recuperar o Camiño de Santiago albiscando un posible negocio que o paso do tempo confirmou. O Cebreiro daquela era unha aldea máis, con vacas e emigrantes, como o era Santillana del Mar en Cantabria, onde as mulleres saían ás portas para venderche un cacho de roscón e un vaso de leite. Hoxe ambas as dúas son, para ben duns e para mal doutros, parques temáticos, onde as cortes se converteron en tendas de souvenirs, bares e fondas para turistas.

O padre Mato dedicou a súa vida a un negocio inmaterial, dos que so dan desgustos e satisfaccións, fixo labor pastoral, cultural e social. Dedicouse a facer adeptos para a cultura. Chegáballe co primeiro para cumprir de sobra coa súa faceta profesional. Pero non se conformou con iso porque no fondo había unha vocación de servicio aos que máis o necesitaban naquel momento, orfos de moitas cousas, pero sobre todo, faltos de saber estimar e valorar o noso. E ese empeño agromou e por iso o padre Mato débese sentir satisfeito. Por tanto misión cumprida.

Pero non sería xusto aproveitar esta ocasión para mostrar o meu recoñecemento a outros cregos da súa xeración que se preocuparon por mellorar as condicións de vida dos seus fregueses promovendo obras comunitarias e desenvolvendo accións culturais a través dos teleclubs, dos que eu fun asesor cultural polos anos setenta do século pasado con Luís Cordeiro Rodríguez. Un anaco desa medalla Castelao que lle concederon ao Padre Mato en recoñecemento dese traballo, estou seguro que tamén lle lo cede con agrado. Parabéns para todos porque algo quedou da súa sementeira.
De Abel Vilela, Adolfo
De Abel Vilela, Adolfo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES