Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O bocexo de Washington

miércoles, 11 de julio de 2018
A intelixencia humana non só axuda ao home/á muller a resolver os problemas da súa convivencia pacífica na sociedade, senón que tamén é un instrumento ao servizo das máis estrañas e cruentas guerras e desasosegos sociais. Creo que aforramos esforzos en demostralo, porque se hai algo que se ofreza con evidencia, isto é indiscutible: As liortas ocupan a maioría dos capítulos da Historia da Humanidade, e son temáticas en todos os medios de información.

Pero nesta modesta colaboración, vou facer referencia, principalmente, ás coñecidas actitudes nacionalistas que pretenden fundamentar a súas posturas na superioridade da raza. Sen dúbida..., no século XXI, e cun desenrolo cultural da Humanidade tan avanzado que conta con medios científicos capaces de facer caer no máis estrepitoso ridículo as persoas, incluso ben dotadas intelixentemente, que se aferran a esa convicción de que hai razas superiores, cedendo a un certo determinismo ideolóxico, encarnado nun fondo de reminiscencias ancestrais sub–concienciadas, que operan a modo de catalizadores de pensamentos perversos e desprezables, si que nos encontramos, neste século, con pretensións reivindicativas verdadeiramente extravagantes.

Non son poucos os que no decurso da súa vida, ata estes días, foron tomando nota do pensamento desas persoas, que teñen luces bastantes para non desexar pasar a historia con selo hitleriano; pero algúns teiman en considerar un honor – de matiz chauvinista, claro – aproveitar todas as ocasións que se lles presentan para lucir a cor que, agora, destila o tampón daquel selo. Da así a impresión de que eses tales, que se auto–dotan do privilexio de ser membros dunha raza superiora, compórtanse na reivindicación da nacionalidade neste ámbito, como se foran criados en guetos xeográficos. E aínda que viaxan e se relacionan, sempre os acompaña ese hálito propio dos guetos, para manter ben destacada a “pureza da súa raza”, a “homocigosidade”, rexeitando toda posible relación de igualdade coas “razas inferiores”, que son as sureñas, é dicir, séntense DIVERSOS, e reivindican insistentemente unha VERSIÓN diferenciada, sen parar o maxín en que se sitúan fora da ciencia.

Explícome. Sen ocultar a miña ignorancia en xenética, sei que a un estudante que inicia a súa formación nela ensínanlle que por HETEROSIS enténdese a crianza e melloramento selectivo das especies animais, que se logra precisamente mesturando as razas, e introducindo a “heterocigosidade”, porque, segundo os estudosos, a “homocigosidade” das “razas puras” é terreo abonado nas descendencias para os CARACTERES RECESIVOS, mentres a “heterosis” facilita o vigor da descendencia híbrida.

Incluso parece que, cientificamente, está suficientemente probado que as células embrionarias son capaces de desentenderse da programación xenética, para deixarse conducir polo seu entorno (pensen aquí no gueto), o que lles permite asumir unha certa identidade; pero non esencial, senón adventicia.

Decátense, pois, os nacionalistas racistas de que aquí se substitúe o determinismo xenético pola CASUAL influenza da contorna ambiental do gueto, que devén CAUSAL, pero corrixible, e, polo tanto, razoablemente superable.

Insiramos, pois, aos nacionalistas cataláns nestes presupostos argumentais, separando aos dotados de sentido común dos que escuman as babas dunha sórdida ridiculez, que consideran metodolóxica, pensando así acadar os seus propósitos. Nada, pois, mellor que ofrecerlles as perlas do seu epígono, Sr.Torra, quen referíndose a eles, que son do Norte, di: “aquí hai xente que dixo basta...”, “xente que xa non mira ao Sur e volve a mirar ao Norte, onde a xente é limpa, nobre, libre, e culta...”; “Si somos cataláns é que non podemos ser outra cousa...está no noso ADN”.

Pero non estaría mal que foran introducindo nese ADN algunha mutación para cambiar os impulsos que levaron aos seus devanceiros ao que segue: Os catedráticos de xenética da Universidade Complutense de Madrid, Dr. Costas e Dra. López, nun interesante artigo que escriben na revista dixital de “Tendencias Sociais”, o 11/6/18, co título “La ideología del nacionalismo catalán tiene una sombra”, din: “...el profesor Juan Francisco Fuentes, catedrático de historia contemporánea en la UCM e Visiting Senior Fellow no IDEAS Center de la London School of Economy, analizou en detalle como o separatismo catalán propuxo a Adolfo Hitler unha colaboración intensa, baseada en que a Gran Alemaña e a Gran Cataluña eran moi similares e perseguían obxectivos comúns”. E aportaron un gran dossier (que sobreviviu á guerra), titulado “Fonaments (sic) Cientifics del racismo”. Nada máis nin nada menos...: Estas xentiñas confunden a limpeza co baleiro, e as fantasías coas verificacións científicas!!.

Con tales antecedentes, e despois de que a historia valorara a destrutiva perversidade do catastrófico nacionalismo nazi – engaden os catedráticos – as opinións do Sr. Torra sobre os españois “seguen axustándose perfectamente ao concepto nazi de infra–home”. Pero non se abraien, amigos lectores, xa que fai uns días o mesmo Torra dedicouse a BOCEXAR farfallando contra España, nun acto en Washington, na presenza do noso Embaixador. E digo “bocexar”, por analoxía tanxencial cunha cita de Séneca. Cóntollelo de seguido.

Escrebe Séneca na “Consolación de su madre Helvia” que cando era conducido Arístides, estadista ateniense, ao que tamén chamaron “o Xusto”, ao suplicio, todos cantos lle saían ao paso baixaban os ollos e lamentábano, non tanto porque se castigaba a un home bo, como porque se vexaba a mesma Xustiza. Un deles, non obstante, foi capaz de cuspirlle na cara, pero el limpouna e, con sorriso, díxolle ao maxistrado que o acompañaba: “Advirte a ese que non volva a bocexar con tanto descaro”.

O Sr. Torra intentou, por enésima vez, cuspir na cara de todos os españois, agora en Washington; pero non se encontrou coa paciencia dun Arístides, senón coas palabras do Embaixador que nos representa, e foron de tal contundencia que non tivo a valentía de afrontalas e parece que se decidiu a saír á rúa a bocexar en compañía deses homes do Norte, ós que el mesmo semella encarnar; pero é de supoñer que só cando limpe as expresións noxentas e empezoñadas dos seus sentimentos de aversión, cando o acompañe o saber estar elegante e nobremente nos actos públicos, cando controle os comportamentos libertinos e cando á súa cultura libresca e panfletaria a invista dun xuízo crítico intelixente e propio, renunciando á servil extravagancia que ostenta e evitando que as persoas dotadas deses valores, que el tanto pondera nos homes do Norte, non se encontren en situacións vomitivas, polo cheiro ambiental da zumarencia da súa propia vesania contra España, á que non evidencia representar en Cataluña coa elemental dignidade que corresponde á única entidade da que emana a legalidade que le confire o poder que ten.

Esperemos que o Sr.Presidente do goberno de España non perda a sensación olfactiva política nas relacións co Sr. Torra, e saiba situarse onde lle corresponde coa dignidade e as obrigas que lle esixe o cumprimento das súas actuais responsabilidades, enervándolle as deliberadas intencións de esvaecer o que aquelas teñen de xerárquicas, dada a súa condición de vicario.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES