
A primeira foto, nestes tempos, terá que ser para mín retrospectiva, de cando eramos mozos. Aquiles 25 de Xullo de finais dos sesenta coas rúas de Compostela cheas de grises e nós berrando:
- ¡Galicia Ceibe! ¡Poder Popular!
Coma si fósemos un povo unido que resultara invencible, berrabamos todos a coro. Había entre nós algún de dereitas, moitos socialdemócratas e a maioría da esquerda, incluidos os españoleiros. Parecía que era verdade
- ¡O povooo. Unidoooo. Xamais será vencidoooo!
Os da miña célula levábamos os tres latas de aceite La Giralda que esparramavamos polas rúas empedradas de Compostela para que esvarasen os coches dos grises e nós poideramos fuxir
Así foi ó principio en Santiago, desde 1968, no día da festa grande, cando todos unidos loitábamos contra Franco por unha Galicia sen cadeas fascistas.
O vello dictador morreu de vello, na cama; i entón pensabamos que xa nunca mais a policía do povo iría contra nós
- ¡Que ben! ¡Agora escóltannos desde a Alameda ata Platerías. Nen sequera se atreven a entrar na Quintana, ó mitin
- ¡Calade, carallo, que está falando Ferrín!
Realmente parecía que xa se lograra a conquista do Pazo de Raxoi, pero na realidade tan só chegara a Democracia
- ¡Foder! ¡Estamos xa en Democracia!
Con ela saironme a primeiras canas. Debeu ser cando mirei atentamente as bancadas do Congreso e vín nelas aos que foran ministros con Franco, os daquil Movimiento fascista, incluso ese rey que nos impuxera o dictador na última xogada que fixo denantes da sua partida
- ¡Carallo! ¿Principiou así a Transición?
Así mesmo. Aprobando todos unha Constitución que permite, xa ves, a desigualdade social.
- Pero todo pasou en paz
Porque ninguén quería voltar a ver o sangue de dúas Españas vertido pola paisaxe. E dicir, porque todo dios tiña medo e dese medo se aproveitaron os aproveitados da política que xa coñeces, porque moitos seguiron e ainda seguen a roubar e a poñerlle rosas dos xardíns públicos no camiño dos que tamén nos rouban
A segunda foto e a da festa. Eu sempre recordo os fogos do Apóstolo que así lle chamaron sempre, coma si Santiago fose fogueteiro. Tamén a parada militar no Obradoiro e as cirimonias do clero na Catedral, con ofrenda política rexia e resposta arcebispal ainda mais cínica. A noite do 24 e mais o 25 de xullo próximo repetirase a historia dos últimos cincoenta anos, na que conflúen o lúdico co institucional e mais o relixioso.

Non haberá novidades, salvo que Martiño Noriega, o alcalde que xa non é do BNG, seguirá sin ir a misa. Tampouco as haberá no resto dos milleiros de festas e romarías que, durante todo o verán e por toda a nosa xeografía, se celebran na honra de santos e virxes, ou para recordar que sufrimos invasións, que este país foi un Reino moi antergo ou para dar boa conta dos saborosos manxares que distinguen a nosa gastronomía.
Lémbrate de que o 25 de Xullo é a noite dos fogos, a parada militar, a ofrenda, a manifestación, a verbena popular, o gran concerto e incluso o mitin, que ainda pervive o acto reivindicativo dunha nación. É dicir, esta é a festa total, políticosocial, relixiosocultural, tradicional
O seu precedente con carácter de concentración popular atopámolo no ano 1924, cando un grupo de intelectuais, encabezados por Daniel Alfonso Rodríguez Castelao, deu un sentido reivindicativo á conmemoración. Desde o ano 1968 chámase Día da Patria Galega.
A terceira foto é a que a mín me gustaría facer mañá pola mañá, sen esperar a ninguna data especial: a de un povo que se xunta para loitar polas súas libertades e polos seus dereitos sociais, berrando coma naquel principio contra o corrupto poder establecido.
Gostaríame ver a todos os galegos de ben xuntos, como area de unha mesma praia, sen bandeiras de partidos nin lemas dictados por naide, reivindicando a xa esquencida sociedade do benestar e unha política limpa na cúpula do Estado e mais da Autonomía. Esa é a foto que me gustaría facer. E hai moitos coma mín neste país. Xente a que lle gustaría nestes días seguir o dictado da cidadanía sen agardar instrucións nin consignas. Persoas normais que manifestan o desexo e a súa vontade de nos reunir nunha celebración que diga claramente que as divisións nos debilitan e nos encamiñan á insignificancia, mentres a unión multiplica as nosas forzas para procurarmos as ferramentas necesarias que nos permitan decidir que queremos ser, que nos posibiliten a construción dun futuro de luz que non hipoteque o mañá de fillos e fillas.
¿A qué sería unha moi fermosa foto?
De todolos xeitos, pase ó que pase na xornada do vindeiro 25 de Xullo
compañeiros, cidadáns, miñas amigas e meus amigos
¡Non deixedes de disfroitar nunca do Día da Patria Galega!