Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vila melancolía

sábado, 07 de julio de 2018
Vila melancola Non é esta a primeira vez que traio a estas páxinas o nome de Alfonso García (Santa Lucía de Gordón, 1946). Teño dito, e non cansarei de repetilo, que moito do que hoxe coñecemos e apreciamos da literatura leonesa (das mellores do Estado español) se lle debe a este ensaísta, docente e periodista, durante anos coordinador do referencial suplemento “Filandón” (1985-2012) do Diario de León e director do Instituto Leonés de Cultura (2000-2004), amais de entusiasta divulgador das excelencias da súa terra en volumes como Vive y descubre León (2009) ou o aínda recente León, tierra de leyendas (2017).

Mais, alén do seu impagable labor como profundador nas esencias da cultura leonesa, cómpre lembrar que García é tamén un creador de alento, como demostran os seus inicios como poeta en Mi mundo (1968), o libro de relatos Tres cuentos leoneses en La Habana (2014) e, sobre todo, as súas achegas ao mundo da escrita infantoxuvenil en títulos como Paniplús el elefante (1989) ou Un colegio redondo de cristal (1994).

Pois ben, a estes últimos hai que sumar La capital de los grillos, o volume narrativo ilustrado por Joaquín Olmo e publicado por Eolas Ediciones co que o escritor regresa aos mundos da imaxinación.

Concibido como unha sorte de vidreira na que van espellando as aventuras de cinco mozos dunha pequena localidade leonesa, este conxunto de dez narracións breves debuxan o singular universo de El Quinto Pino, concello no que transcorre a acción e que, por sinécdoque, resulta un exemplo arquetípico de tantas poboacións españolas do rural que ven como o seu mundo tradicional esfarela e corre serio risco de desaparición ante o dificilmente reversible problema do despoboamento.

Decididos a non se resignar, os rapaces protagonistas procuran alternativas que revitalicen El Quinto Pino, ao que, para comezar, queren modernizar dende o propio nome, propoñendo mudalo polo de Capital de los Grillos, insecto moi presente nas súas eiras.

la_capital_de_los_grillosO que logo se desenvolve son as dez entregas nas que vai dándose conta das iniciativas para a mudanza e renacer do lugar por parte dos intrépidos mozos, que tanto idean instalar nela un Museo das Bolboretas coma descobren un tesouro enterrado. Polo medio imos coñecendo os xenuínos habitantes da localidade, todos eles expresivamente alcumados: don Bonifacio, o alcalde, alias El Moscas (pola xenreira que a estas garda, ata o punto de querer instituír a figura do Inspector de Mosquitos para que lles dea caza); Angelina La Cana (dona do bar do lugar e nai de Emiliano El Matapardales, rapaz non moi espelido que un día, como grande ocorrencia, decide organizar un concurso de “O chorro do porrón” que acaba moi malamente entre bébedos); Martín El Parlapoco; Anastasio ou Tasio El Agujas, o reloxeiro oficial do campanario da igrexa e da casa do concello; Raimundo El Sotanas (quen un día, a falta de hostias, deu a comuñón con galletas e favoreceu que os fieis se burlasen pedíndolles que tamén lles achegase un café con leite con elas); Eduardo, máis coñecido como El Tío Raposeras, voz crítica do pobo; Luís El Jeringas, o médico; Felisa La Gallega e o seu fillo Parrulo, comerciantes de ovos; Cleto o fontaneiro, alias El Tuercas; Agripina La Dulce, panadeira e reposteira; Felipe Gómez El Trampas, tafur de bar, ou Cipriano El Manitas, tamén El Chapuzas, empregado multitarefa do concello.

Este ben variado elenco cruza os seus camiños cos cinco protagonistas, conxurados en facer revivir a súa vila, transmitíndonos coas súas andainas unha mensaxe clara: cómpre apostar polo rural de noso, non perder a esperanza e saber apreciar o que a vida rústica ofrece e o herdo que atesoura.

Narrado cunha prosa prístina, liberada de toda ganga manierista, a escrita de Alfonso García neste La Capital de los Grillos agrada pola sabia integración de lecturas do xeito máis natural posible, o que fai que as citas a Borges, ao Lazarillo, a Blyton ou mesmo ao Casares de A galiña azul resulten transparentes e nada rebuscadas, facilitando a lectura aos máis novos e non só.

A melancolía que deitan estas páxinas, a sabedoría nas sentenzas, o fino humor e a mensaxe esperanzada que reflicten son un bálsamo reparador para este mundo de urbanismo feroz e entolecido, unha chamada de atención a prol da necesidade de conservar a riqueza da cultura tradicional, do contorno que a xerou e das persoas que a transmitiron. E é que, como aprenden pronto os protagonistas de La Capital de los Grillos, “solo la perseverancia permite alcanzar metas”. Convén non esquecelo e seguir teimando nun mundo mellor.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES