Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Camino a la escuela'

viernes, 06 de julio de 2018
Pouco que celebrar no mundo da infancia aínda que cada ano celebremos o Día Universal do Neno. Neste tema, como noutros da axenda global, a balanza está desequilibrada. Unha minoría vai coa mochila cargada de dereitos, mentres a inmensa maioría de nenos e nenas dos mundos máis aló do primeiro mundo, cargan no lombo un pesado fardo de deberes.

“Camino a la escuela”, multipremiada película francesa, recolle catro historias de nenos e nenas afrontando cada día o durísimo camiño á escola. É dicir, camiño ao paraíso da educación vedado para tantos. Ao fin, é o camiño para conquistar dereitos humanos con rostro de neno. E construír un mundo máis humano e vivible.

A película de Pascal Plisson, é imprescindible. As catro historias do camiño de casa á escola, erizado de dificultades, contrastan coa nosa sobreprotección aos nenos, forma sibilina de maltrato que converte a tantos pais e nais en taxistas ou nunha sorte de galiñas chocas.

O documental, co apoio da Onu, Unesco, Unicef e Axuda en Acción, éche unha declaración de principios. Só con educación poderán mellorar o mundo no que viven. Aínda que, curiosamente, a película será vista polos que teñen a escola á porta da casa, e aínda así chegan cada día ás aulas no colo do coche.

O mundo é inxusto cos nenos que, como di Galeano, nacen coas raíces no ar. Cinco millóns morren nos primeiros anos de enfermidades que se poden previr. Quiñentos millóns están afectados por guerras e emerxencias. Catrocentos millóns malviven en extrema pobreza. Cento setenta millóns traballan… Velaí o malgasto de prescindir de millóns de cerebros e abandoar á súa sorte aos que naceron no lugar, na familia, ou co sexo 'equivocado'. E iso que todos nacemos libres e iguales. Uns máis que outros.

Tantas cores escuras non ocultan os progresos das últimas décadas. A mellora da nutrición e a reducción da mortalidade permitíu a millóns deles rachar co círculo maldito da pobreza. O mundo é así pero ben pode ser doutro xeito: máis fermoso e habitable se hai decisión política para reverter a situación que condena aos máis febles. Investir na infancia non é só un imperativo moral, é apostar polo presente e colocar alicerces de futuro. A escola é unha oportunidade moi valiosa para centos de millóns de nenos.

As historias de Salomé e Jackson en Kenia, Carlitos e Micaela na Patagonia, as de Zahira, Zineb e Noura no Alto Atlas marroquí, a de Samuel na cadeira de rodas que empuxan dous irmáns pequenos na India mostran historias conmovedoras, cheas de coraxe, determinación e un millón de sorrisos.

Catro horas, hora e media, dúas horas cada día nunha teimuda e esperanzada loita diaria. Camiño da escola.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES